Noticias de Cooperación Gallega
26/11/2008
Xeral

COLABORACIÓN COA ORGANIZACIÓN DE ESTADOS IBEROAMERICANOS PARA PRÁCTICAS DE TITULADOS UNIVERSITARIOS

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (nº 222, venres 14 de novembro de 2007) a convocatoria de catorce bolsas de formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento. Hoxe, o Consello de Goberno aproba o acordo de colaboración para que a partires de agora, algunha das bolsas ofertadas se desenvolvan dentro das actividades de cooperación levadas a cabo pola Organización de Estados Iberoamericanos. Esta oferta de 14 bolsas, á que se destinarán 227.160 euros, supón un aumento do 23% respecto a dotación do ano anterior.

Con esta convocatoria preténdese apoiar a formación de expertos/as en cooperación internacional,  respondendo ao establecido no I Plan Director respecto á formación de persoal especializado que contribúa ao fortalecemento do sistema galego de cooperación e ao compromiso de aumentar as bolsas de formación para cooperación internacional en países en vías de desenvolvemento.

Ademais de na OEI por vez primeira, os destinos para a formación son as delegacións das axencias de Nacións Unidas (FAO e UNIFEM),  as Oficinas Técnicas de Cooperación en terreo de AECID e os proxectos da Xunta de Galicia en países coma Perú, Bolivia, Guatemala, Haití, Senegal, Mozambique, Angola e Cabo Verde, así coma a propia sede da DXCE en Compostela.

 

A Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura, é un organismo internacional de carácter gobernamental para a cooperación entre os países iberoamericanos no campo da educación, a ciencia, a tecnoloxía e a cultura no contexto do desenvolvemento integral, a democracia e a integración rexional. A OEI comprométese neste caso, a nomear un titor para o adecuado seguimento e valoración das actividades realizadas polos bolseiros/as seleccionados, e a dar capacitación aos mesmos en tarefas que correspondan ao seu currículo académico e títulos universitarios específicos.