Noticias de Cooperación Gallega
27/11/2008
Xeral

A XUNTA POTENCIA A POLÍTICA DE COOPERACIÓN CON 2,7 MILLÓNS DE EUROS EN ÁFRICA E AMÉRICA CENTRAL

Máis de 40.000 persoas mellorarán as súas oportunidades de desenvolvemento en África, Caribe e América Central nos catro vindeiros anos grazas aos programas que executarán catro ONGD galegas cun financiamento de 2,7 millóns de euros, para catro programas, adxudicado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.Trátase da primeira convocatoria deste novo instrumento de cooperación, os programas de catro anos, promovido polo Goberno galego para mellorar a calidade e o impacto da súa política de Desenvolvemento. A maior duración dos programas respecto dos proxectos, de só un ou dous anos, permiten achegar mellor as iniciativas aos principios da Declaración de París sobre eficacia na axuda aos países máis empobrecidos. En síntese, estes principios estabelecen que os beneficiarios fagan propias as melloras acadadas, aliñando as accións coas políticas locais, harmonizando as actuacións e financiamentos dos donantes, e corresponsabilizándose todas as partes dunha xestión orientada a resultados.Ademais destes principios, os novos programas seguen as prioridades fixadas no Plan Director da Cooperación Galega, aprobadas por unanimidade no Parlamento de Galicia. Moi en particular, as condicións de axudar ao países máis empobrecidos, en África en América Central; de loitar contra as enfermidades prevalentes, coma é o SIDA, seguindo os Obxectivos do Milenio; e mais apoiar sobre todo o desenvolvemento das mulleres e dos máis cativos.

Seguindo estas liñas de actuación, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior convocou e adxudicou os catro seguintes programas:• En Honduras (El Progreso) e Nicaragua (Ciudad Sandino), a Fundación Entreculturas desenvolverá un programa de formación profesional para 1.720 mozos en situación de vulnerabilidade, cun orzamento solicitado de 486.584 € euros, que financia a Xunta nun 100%.• En Angola, Mozos do Terceiro Mundo executará un programa de educación primaria que mellorará a calidade educativa dos 2.000 alumnos do Centro Educativo Don Bosco, fillos e fillas de pescadores habitantes dos arredores do barrio de Nosa Señora dos Navegantes. Solicitouse un orzamento de 792.603 euros, que foi concedido nun 81% polo Goberno galego.• En Guinea Bissau, rexións de Oio, Cacheu e Bafatá, a Asociación pola Paz e o Desenvolvemento axudará ás mulleres desas comunidades a xestionar os seus recursos naturais de xeito sostible e rendible, mellorando as condicións de vida e alimentarias de más de 14.000 persoas. Dos 830.347 euros solicitados, Cooperación Galega financia o 85%.• Tamén en Guinea Bissau, pero nas rexións de Quinara e Tombalí, Asemblea de Cooperación Pola Paz contribuirá na prevención, diagnose e tratamento da infección de VIH/SIDA de 24.135 usuarios directos do centro asistencial, campañas de sensibilización e cursos formativos que constitúen o programa. Solicitáronse 622.330 euros, que a comunidade galega financia nun 86%.