HOXE CELÉBRASE O DÍA MUNDIAL DA LOITA CONTRA A SIDA
O I Plan Director da Cooperación Galega recolle o compromiso no sector da Cobertura das Necesidades Sociais Básicas, Saúde e Educación principalmente, as que xa se dedica máis do 30% da Axuda Oficial Galega ao Desenvolvemento. No terreo Galicia, apoia proxectos de loita contra esta enfermidade especialmente en Guinea Bissau, coas ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e Paz e Desenvolvemento, e en Mozambique coa Asociación para a Saúde Integral e o Desenvolvemento Humano; incidindo non só na importante tarefa do acceso universal ao tratamento, senón tamén na superación do profundo estigma que engade máis sufrimento aos portadores e enfermos de SIDA. O apoio a proxectos e programas no exterior na loita contra esta enfermidade, ascende neste exercicio a 768.839 €, o que supón un 7,2% do total da AOD xestionada pola dirección xeral de cooperación exterior.
No eido da sensibilización en Galicia, Cooperación Galega apoia unha campaña de sensibilización “Fotográfica, vidas ao redor da SIDA” organizada por Médicos do Mundo por segundo ano consecutivo, que percorre a nosa comunidade co obxectivo de amosar a realidade dos enfermos no continente máis castigado por esta pandemia, e provocar reacción ao respecto.
O pasado setembro, co gallo do día do Cooperante, a dirección xeral de Cooperación Exterior, achegou á cidade da Coruña, ao Doutor Victorio Torres Feced, que leva máis de cinco anos traballando en Kenya a traveso da Asociación VIHDA, o cal destacou a importancia de colaborar cos gobernos de África no desenvolvemento de sistemas e tecnoloxías sanitarias que xa demostraron a súa eficacia no Primeiro Mundo. De feito, nos últimos anos, a súa organización probou que é posible frear o contaxio da SIDA da nai ao bebé en Kenya utilizando as recomendacións que se seguen nos sistemas sanitarios occidentais, procurando que non se alimente aos nenos con leite materno. Salientou polo tanto, a falla de coherencia no impulso en países do Sur a prácticas desbotadas polos seus riscos probados nos países do Norte.
Segundo datos de ONUSIDA por cada dúas persoas que comezan a tratarse con antirretrovirais contabilízanse cinco novas infeccións; o continente máis afectado segue a ser África, onde se atopan dous de cada tres enfermos dos 33 millóns estimados a nivel mundial. Se falamos de infancia, de 1,6 millóns de nenos e nenas infectados no 2001, no 2007 xa se superaban os 2 millóns, dos cales, o 90% atópanse tamén na África Subsahariana, tendo ademais un terzo menos de posibilidades de acceder ao tratamento que os adultos.
O Fondo Mundial da Loita contra a SIDA, a Malaria e a Tuberculose xestionou no últimos anos máis de 5 mil millóns de dólares, e puxo en marcha as propostas xurdidas nas sociedades máis afectadas do propio Sur. O Fondo traballa na actualidade, no apoio o desenvolvemento de Plans Nacionais de loita contra as tres enfermidades, na intención de fortalecer os sistemas públicos de saúde, coma ferramenta similar ós apoios directos ós orzamentos que xa existen noutros sectores. A meirande parte dos países avanzan no establecemento gratuíto dos tratamentos, se ben, moitos pacientes teñen que asumir custos directos derivados das probas diagnósticas ou do tratamento de enfermidades oportunistas; custos non asumibles para moitos enfermos.