Noticias de Cooperación Gallega
01/12/2008
Xeral

COOPERACIÓN GALEGA BUSCA SINERXÍAS CO SECTOR AGROPECUARIO GALEGO PARA O DESENVOLVEMENTO EN NIXER

Na última semana de novembro desenvolveuse unha misión de toma de contacto entre a primeira empresa leiteira de Níxer, Niger Lait, e o sector agropecuario galego. A iniciativa xurdiu despois da visita a África Occidental que realizou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, en colaboración con AECID en setembro de 2008. A misión nixerina, apoiada pola DXCE, AECID e a petición do Ministerio de Gandería de Níxer, contou coa participación de representantes de todas as ramas do sector.

A República de Níxer, en África occidental, é o segundo país máis pobre do mundo, con poucos recursos dispoñibles para cubrir as necesidades básicas. Este país ten as dúas terceiras partes do seu territorio no deserto do Sahara, practicamente inhabitables, o resto esténdese as beiras do río Níxer; presenta grandes sabanas onde é posible criar gando e practicar a agricultura. A economía de Níxer é de subsistencia; está baseada no pastoreo e a agricultura, así como na explotación mineira do uranio.

Durante tres días de intensa actividade, a directora executiva de Niger Lait, Maidah Zeinabou tivo a ocasión de coñecer de preto o sector agropecuario galego dende todos os seus eidos. Acompañada por persoal técnico da DXCE, Maidah tivo a ocasión de visitar centros de investigación e análise punteiros, coma a Aula de Produtos Lácteos, o Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia e Xenética Fontao. O sector privado tamén participou, coas visitas á empresa de maquinaria agrícola Díaz Torrón, ás cooperativas Feiraco e Aira, e varias explotacións gandeiras de Trazo e Ordes na Coruña e O Burgo en Lugo. A Universidade de Santiago de Compostela tamén tivo un papel protagonista coa visita ás instalacións da facultade de Veterinaria, onde participaron varios departamentos, e ao Hospital da Fundación Rof Codina. Cabe salientar o apoio e colaboración recibido polo sindicato Unións Agrarias.

Esta visita encádrase dentro do Obxectivo 5 do Plan Director da Cooperación Galega, a Implicación e procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor para a cooperación. A axuda ao desenvolvemento galega débese tamén asentar sobre un recoñecemento máis pleno dos activos que a sociedade galega pode achegar ao sistema internacional de cooperación ao desenvolvemento.

Neste caso, analizouse a experiencia galega no desenvolvemento do sector agropecuario, coa participación dos diferentes actores, a planificación estratéxica, a innovación, a diversificación e o encadeamento produtivo, a cooperación entre axentes públicos e privados, e o traballo en rede para o intercambio de experiencias. Tamén se presentaron iniciativas que teñen que ver coa xestión integral dos recursos naturais e o medio ambiente así coma as novas liñas de desenvolvemento tecnolóxico, a economía social e o cooperativismo.