Noticias de Cooperación Gallega
03/12/2008
Xeral

OS PREMIOS Á SOLIDARIEDADE EN GALICIA 2008 RECOÑECEN O LABOR DE NACHO SALGADO, COOPERANTE GALEGO

O acto de entrega dos Premios á solidariedade en Galicia, tivo lugar en Santiago baixo o lema de “Premios solidarios. Accións que deixan sen palabras”, e contou coa asistencia de entidades e axentes do sector. O director xeral de Xuventude e Solidariedade presentou o evento que foi conducido por Antía Otero, vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). A secretaria xeral do Benestar, María Jesús Lago, foi a encargada de pechar o acto.

Os premiados foron a presidenta da xunta local da Asociación española contra o cancro (AECC) de Pontevedra, María Josefa Crespo Amigo; a Coordinadora para o estudio dos mamíferos mariños (Cemma); o presidente da Asociación de mobilidade e prevención de accidentes de tráfico (PAT Ourense), Maximino Cid Ferro; a título póstumo, o cooperante galego falecido en Perú en setembro pasado, José Ignacio Salgado Blanco, e a Asociación de Veciños San Juan de Esmelle (Ferrol). Esta convocatoria recoñece o labor non só das persoas e entidades encadradas no voluntariado social, senón doutras formas de voluntariado que nacen coa evolución da sociedade galega, coma a cooperación ao desenvolvemento.

Recoñecemento póstumo

Foi especialmente emotiva a entrega do premio no eido do desenvolvemento comunitario e/ ou sostible ao cooperante galego Nacho Salgado, cuxa candidatura foi proposta pola Coordinadora Galega de ONGD’s.  Salgado colaborou con distintas organizacións: Medicos Mundi, Solidariedade Internacional, a Pastoral de Acción Social de Bolivia, a Cruz Vermella Alemana e coa ONGD xermana Welthungerhilfe, coa que estaba a desenvolver o que sería o seu derradeiro proxecto, interrompido polo seu falecemento en setembro deste ano.

O premio foi entregado pola directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, ao seu irmán Manuel Salgado. No vídeo emitido no transcurso do acto o seu irmán describiu a Nacho Salgado coma unha persoa implicada nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e coa xente dos países nos que traballaba.  “Desde sempre se entregou aos proxectos dos demais, deixando esquecidos os propios”, conta o seu irmán Manuel. A temprana morte de Ignacio Salgado puxo fin a unha froitífera carreira coma profesional da cooperación, na que durante dúas décadas deixou pegada en Bolivia, Honduras e Perú.

MÁIS INFORMACIÓN