A XUNTA CONMEMORA OS 60 ANOS DA DECLARACIÓN DE DEREITOS HUMANOS CON COOPERANTES GALEGAS
O Goberno galego conmemorou onte en Pontevedra o 60 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos cun acto de homenaxe a cooperantes da Comunidade Autónoma que desenvolven o seu traballo en diferentes puntos do mundo. A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, abriu o acto no que tanto o secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández, coma a concelleira de Benestar Social, Educación e Vivenda do concello de Pontevedra, Margarita Castejón, tiveron a oportunidade de conversar con cooperantes de seis países de xeito simultáneo a través de videoconferencia.
Conversa coas cooperantes
No decurso do acto, os persoeiros falaron coas responsables dos programas e iniciativas promovidas directamente polo Goberno galego en Guatemala, República Dominicana e Perú; e tamén con cooperantes en formación destinadas en Ecuador, Bolivia e Senegal.
En Guatemala, a viguesa Ana Amaro coordina o Programa de Desenvolvemento Integral “Oxlajuj Tz’ ikin” - Día da Fortuna no calendario maya -, nos municipios de Retalhuleu e Champerico, onde máis de 20.000 persoas de 18 comunidades indíxenas contarán coa Cooperación Galega para desenvolveren, nos catro vindeiros anos, os seus servizos básicos de educación e saúde, infraestruturas de vivenda e saneamento, e iniciativas produtivas no eido da alimentación.
En Perú, a coruñesa Lorena Peillet coordina a identificación de necesidades e programación das liñas estratéxicas do Programa de Cooperación Directa na provincia amazónica de Chiriaco; ademais de avaliar os proxectos desenvolvidos pola Cooperación Galega na subconca de Chipillico, rexión de Piura.
Na República Dominicana, a coruñesa Lucía López coordina o Programa de Desenvolvemento Integral dedicado a rehabilitar e desenvolver o entorno do vertedoiro de Santiago de los Caballeros, onde viven preto de 500 familias.
No Senegal, Jara Campelo, nada en Marín, colabora no seguimento do proxecto educativo de Ecodesarrollo Gaia en Yoff-Thongor; do proxecto de cultivo experimental do mexilón desenvolto pola USC; e mais dun programa integral sanitario na vila Saint Louis. Tamén, está a identificar necesidades para un proxecto piloto de codesenvolvemento na aldea de Diama Alwaly e axudando a preparar o borrador de Plan de Actuación Pais.
En Bolivia, Patricia Ramos, de Santiago de Compostela, colabora no seguimento do proxecto educativos de Paz y Desarrollo en Santa Lucía-Yocalla, do proxecto de desenvolvemento local de Solidariedade Internacional no municipio de Quime o doutro sanitario no Hospital 1º de Mayo en Sata Cruz de la Sierra. Tamén está a participar no Programa de Gobernabilidade e Xénero e no proxecto da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela “Fortalecemento da administración descentralizada de Bolivia”.
No Ecuador, Esther Castro, nada en Baiona, está a realizar prácticas no organismo subsidiario das Nacións Unidas para a muller, UNIFEM, traballando especialmente na incidencia da pandemia do VIH en mulleres e nenas. Asemade, colabora no seguimento dos proxectos da Cooperación Galega e na elaboración do Plan de Actuación País.
Mellora cualitativa da Cooperación Galega
Ao final do acto, Fernández Mato salientou o traballo que se desenvolve desde a Xunta de Galicia no eido da cooperación ao desenvolvemento. Lembrou que, malia o contexto de crise económica, o Goberno galego duplicou os orzamentos destinados a cooperación, respecto da anterior lexislatura.
Tanto o secretario xeral de Relacións Exteriores como a directora xeral de Cooperación salientaron que as políticas de cooperación promovidas desde Galicia teñen os seus eixos na profesionalización dos recursos humanos; na planificación dos recursos e na coordinación da súa acción cos axentes e administracións implicadas neste eido.
Declaración Dereitos Humanos
Ao final da súa intervención no acto, o secretario xeral de Relacións Exteriores expresou a súa satisfacción pola celebración desde a Xunta de Galicia do 60 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos. “Sabemos que aínda hai pobos e lugares no mundo que non respectan esta carta universal e, por iso, se fai necesario que celebremos pequenos actos simbólicos como este que nos permitan a súa posta en valor”, sinalou.