Noticias de Cooperación Gallega
11/12/2008
Xeral

A XUNTA APOIA A FORMACIÓN DE EXPERTOS LATINOAMERICANOS EN COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO

A Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento establece como prioridades en sensibilización e en educación para o desenvolvemento: a concienciación da opinión pública en materia de cooperación ao desenvolvemento; a difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países subdesenvolvidos e da cooperación para o desenvolvemento; o fomento da investigación sobre as causas do subdesenvolvemento co fin de fortalecer e abrir novas vías de cooperación e a potenciación dos axentes de cooperación ao desenvolvemento de Galicia a fin de crear unha rede de solidariedade na nosa sociedade.

Neste senso, o convenio que se aproba hoxe pretende contribuír á formación no eido da cooperación de expertos dos países prioritarios das axudas; apoiando a súa participación no Máster en Xestión da Cooperación Internacional e das ONG’s que dende anos se ven celebrando na USC. O obxectivo é ofrecer a estes futuros expertos as ferramentas precisas para nun futuro próximo poder colaborar nos seus países de orixe na cooperación internacional con coñecementos e experiencia práctica adecuada no desenvolvemento dos proxectos de cooperación.

Por medio deste convenio financiaranse as actividades destinadas a cubrir os gastos de matrícula do Máster e aloxamento dos bolseiros en réxime de pensión completa durante os oito meses de duración do programa. A Universidade pola súa parte financiará os gastos derivados da viaxe de ida e volta a Santiago de Compostela  dende a capital do país de residencia do bolseiro, da matrícula (os restantes dous tercios) así como o seguro médico non farmacéutico durante os nove meses de duración do programa.