O SERGAS FORMARÁ PERSOAL SANITARIO EN GUINEA BISSAU
Nun acto que tivo lugar esta mañá asinouse o convenio entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación para a Cooperación e a Saúde Internacional Carlos III, que permitirá formar persoal sanitario en Guinea Bissau. O convenio foi rubricado pola conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal e o director xeral da Fundación, Alfredo Rivas Antón. A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, acompañounos agradecendo o esforzo e a sinerxía establecidos para traballar a prol da mellora dos servizos de saúde neste país prioritario africano para a Cooperación Galega.Os participantes do proxecto “Fortalecemento do Sector Saúde” buscan facilitar a cooperación no eido sanitario, especialmente en aspectos relacionados coa formación, a transferencia de coñecementos, o intercambio de profesionais sanitarios e a axuda técnica. Un dos principais problemas do Sistema Sanitario de Guinea-Bissau é precisamente a falta de recursos humanos, xunto coas carencias nas infraestruturas. Os profesionais tamén axudarán ao goberno guineano a desenvolver melloras na xestión sanitaria e na dos seus recursos, e a poñer en marcha unha base de datos epidemiolóxica para coñecer e mellorar a situación de morbi-mortalidade do país. En palabras de Fabiola Sotelo, este proxecto confirma que “... a cooperación non pode ser só exercida polo departamento encargado da mesma, senón que pode e debe ser impulsada polo resto de departamentos da administración autonómica, como é o caso do Servizo Galego de Saúde da Consellería de Sanidade. Aportando así valor á cooperación dende a experiencia e os activos que a sociedade galega pode aportar ó sistema internacional ...”. A directora xeral lembrou que Cooperación Exterior está financiando 4 proxectos en Guinea Bissau, e concretamente dous no sector da saúde. Ademais, para evitar ó máximo a dispersión de accións e garantir un maior impacto e eficiencia, o Plan Director promove a coordinación e a unión de esforzos para obter sinerxías con tódolos actores e axentes públicos e privados que fan cooperación nunha mesma zona.
Guinea BissauGuinea Bissau é un dos países mais empobrecidos do mundo, cun Índice de Desenvolvemento Humano do 0,37, ocupa o posto 175 dun total de 177 segundo o informe anual do PNUD. O 20,8% da poboación sitúase na pobreza extrema e un 64,7% sobrevive con menos de 2 dólares diarios. A súa esperanza de vida é das mais baixas, e a mortalidade infantil das máis altas do mundo. Os servizos de saúde están fortemente centralizados na capital, aínda así a situación en Bissau é tamén moi precaria. Apenas teñen equipamento básico, e a deficiencia a nivel de persoal e de sistemas de xestión é profunda. Nas demais rexións existen hospitais rurais rexionais que en moitos casos nin sequera dispoñen de médicos, sendo os poucos enfermeiros que hai os que realizan os servizos de atención á saúde.