Noticias de Cooperación Gallega
29/12/2008
Xeral

15.000 PERSOAS ACHEGÁRONSE Á COOPERACIÓN GALEGA EN 61 POBOACIÓNS NOS ÚLTIMOS 90 DÍAS

A campaña de sensibilización cidadá “Achégate á Cooperación Galega” rematou onte en Ribadeo o seu percorrido de máis de 5000 quilómetros, durante 90 xornadas, por 61 poboacións de toda Galicia, achegando os obxectivos e proxectos apoiados pola dirección xeral de Cooperación Exterior a 15.000 persoas de todas as idades, entre eles, preto de 8.000 mozos e mozas de máis de 200 centros educativos. Ademais das sete cidades, a Cooperación Galega pretendeu focalizar nesta ocasión nos núcleos de menor poboación, salientando que en todos eles a acollida foi moi positiva tanto por parte dos veciños coma das autoridades. O obxectivo desta iniciativa da Cooperación Exterior, patrocinada tamén pola Deputación Provincial da Coruña e a Obra Social de Caixa Galicia, foi a difusión das diferentes realidades dos países en desenvolvemento así coma da necesidade do traballo dos axentes de cooperación, transmitindo aos cidadáns que o aporte de todos importa e conta na loita contra a pobreza. O primeiro obxectivo do Plan Director que rexe a Cooperación Galega, incide precisamente na necesidade de avanzar na sensibilización, para o que é preciso dar o salto dende a implicación do terceiro sector á da sociedade civil en xeral, dende a educación informal á regrada e estable, dende a visión da solidariedade á visión da responsabilidade, dende a análise das consecuencias da pobreza á análise das súas causas.O traballo da sensibilización, no que dende tempo atrás veñen traballando moitas ONGD, é un labor difícil pois a pesares de que a receptividade da sociedade é positiva, o afondamento nas causas do subdesenvolvemento é un camiño intricado e complexo no que se mixturan cuestións históricas, culturais e principalmente económicas que moitas veces entran en conflito con políticas comerciais supranacionais a priori percibidas coma protectoras. Superar todas as distancias máis aló das xeográficas, é difícil. Poñer o Ser Humano no centro, coma protagonista do seu desenvolvemento, da loita do día a día, para educar aos seus fillos, para teren atención médica, para xestionar os seus recursos... é unha das claves para achegar lugares e culturas tan distantes.Para transmitir esta necesidade de Cooperación e amosar o que de xeito efectivo xa se está a facer, a dirección xeral de Cooperación Exterior fretou, dende o 17 de setembro, unha plataforma móbil cunha mostra de máis de 80 imaxes, un expositor de Comercio Xusto, publicacións dos axentes da cooperación, mais unha sala para xogos educativos e reunións informativas, con proxeccións de vídeos documentais e un Trivial interactivo sobre cuestións de desenvolvemento.Na mostra, explicáronse os principios, metas e prioridades sectoriais e xeográficas da Cooperación para o Desenvolvemento impulsada pola Xunta de Galicia. A exposición contou con 20 paneis que amosaron ao visitante con testemuñas persoais e gráficas, o labor desenvolvido pola Cooperación Galega en 17 dos países máis empobrecidos do planeta, principalmente, en América Latina e África, coma zonas prioritarias da súa actividade. Ademais da exposición gráfica, a campaña “Achégate á Cooperación Galega” propuxo unha atractiva axenda de actividades para implicar aos máis cativos. A traveso de contos solidarios, achegáronse a outras realidades e culturas, a conceptos como xustiza, igualdade, respecto e solidariedade. Ademais da multitude de actividades, xogos, historias, músicas, disfraces: os rapaces e rapazas puideron meterlle un gol á pobreza cun balón fabricado sen explotación infantil; derrubar o muro das malas novas e deixar as súas boas novas nun xornal solidario; vestirse con indumentarias de países afastados, onde os nenos viven de xeito ben diferente; plantar, regar e abrazar ás árbores da paz...; en definitiva, mirar ao mundo con ollos grandes.