A Directora Xeral reúnese coas organizacións impulsoras da Semana Mundial da Educación en Galicia
Representantes das ONGD Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, Intermon Oxfam, InteRed e do Seminario Galego de Educación para a Paz reuníronse hoxe coa directora xeral de Cooperación Exterior para facer valoración sobre a participación de Galicia nas actividades vinculadas á Semana Mundial da Educación. O acceso e a mellora da educación básica é un dos sectores prioritarios de actuación recollido no Plan Director de Cooperación, entendido coma o instrumento principal para a consecución dos obxectivos de desenvolvemento: a xeración de capacidades é o camiño para que cada pobo sexa protagonista da súa propia evolución.
No 2008 celebráronse en Galicia diversos actos durante a conmemoración da Semana Mundial da Educación. O día 23 de abril realizáronse tres xuntanzas simultáneas nas principais prazas da Coruña, Santiago e Vigo. Preto de 1.000 alumnas e alumnos en representación dos 29 centros participantes, montaron os crebacabezas e leron un manifesto para lle lembrar á sociedade, e en especial aso gobernantes, o compromiso de lograr unha educación de calidade para todos no ano 2015 en cumprimento dun dos Obxectivos do Milenio.
No acto celebrado en Santiago, escolares de oito centros galegos reclamaron na Praza da Quintana: “Superemos a exclusión ¡Calidade na educación!”, a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e o Alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinaron o compromiso de destinar, coma mínimo, o 8% dos orzamentos a promover a educación no Sur. De feito, a Xunta de Galicia xa investiu no 2008 un 13,85% dos fondos de axuda ao desenvolvemento xestionados pola dirección xeral de Cooperación Exterior no apoio a educación básica nos países prioritarios da Cooperación Galega.
Fabiola Sotelo animou ás organizacións participantes a volver a presentar esta iniciativa que xa o pasado ano contou co financiamento da dirección xeral de Cooperación a traveso da subvención concedida na convocatoria de axudas a proxectos de sensibilización, por importe de 9.413 €.