A Directora de Cooperación recibe á recén creada Rede Galega de Consumo Consciente e Responsable
A directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, recibiu esta mañá a visita de representantes da Rede Galega de Consumo Consciente e Responsable. Na mesma, foi presentada a citada Rede, e foron intercambiadas diferentes opinións arredor do comercio xusto e o consumo responsable.
A Rede Galega de Consumo Consciente e Responsable, creada a finais de 2008, reúne a 11 colectivos, entre os que se atopan ONGD, cooperativas de consumo ou tendas privadas especiailizadas. Cun carácter transversal, traballará a prol do fomento e organización do consumo responsable e consciente en Galicia.
Durante a xuntanza acordouse convidar á Rede a participar na Comisión de traballo sobre o comercio xusto posta en marcha desde a Administración. Desde esta comisión estase a artellar o pulo ao Comercio Xusto en Galicia e na que participan, por primeira vez, representantes de todos os sectores implicados, como son as ONGD (a Coordinadora Galega de ONGD), a empresa (a distribuidora Gadisa e a Obra Social Caixa Galicia), o pequeno comercio, as asociacións de consumidores, a Universidade (a Universidade de Santiago), as Cámaras de Comercio, e varios organismos da Administración galega.
O Fomento do comercio xusto e o consumo responsable é o sexto obxectivo do I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 e ten sido un dos aspectos prioritarios da xestión da Dirección Xeral de Cooperación Exterior na presente lexislatura.