Noticias de Cooperación Gallega
13/01/2009
Xeral

O Concello de Santiago únese á Iniciativa de Desenvovemento Integral en República Dominicana

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e a concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón, reuníronse hoxe coa directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, acompañada polos membros da ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). No encontro concretáronse os termos nos que o Concello colaborará na iniciativa de desenvolvemento integral de recuperación do barrio de Santa Lucía, xunto ao vertedoiro de Rafey, en Santiago de los Caballeros (República Dominicana).

O programa integral para a mellora do barrio de Sta. Lucía/La Mosca en Santiago de los Caballeros iniciouse a mediados de 2008, coa finalidade de mellorar as condicións de vida das 489, unhas 2.500 persoas, familias que viven no mesmo. A iniciativa xurdiu a raíz dunha identificación que plasmou as necesidades dun barrio cunha característica especial: a de situarse o carón do vertedoiro municipal da cidade; causando graves problemas ambientais e de saúde na poboación. Ademais, a maior parte dos ingresos da poboación do barrio son xerados polo traballo directo ou indirecto no vertedoiro.  Froito desta problemática, as liñas de actuación do programa plásmanse en 4 eixes principais: Auga, saneamento e habitabilidade; Formación profesional e desenvolvemento produtivo; Atención primaria e saúde preventiva; e Fortalecemento da sociedade civil.

O alcalde compostelán comprometérase con esta colaboración na súa recente visita a Santiago de los Caballeros, cidade irmandada con Compostela. Agora, plasmarase nun convenio que asinarán o Concello de Santiago, a dirección xeral de Cooperación Exterior e Asemblea de Cooperación pola Paz. En virtude do mesmo, o Concello fará unha achega económica que financiará fundamentalmente actividades dentro da liña executada pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz, para a mellora do acceso e utilización da auga e do saneamento.

Segundo recordou Sánchez Bugallo trala xuntanza, o Concello vai colaborar neste programa integral, impulsado por Cooperación Exterior, que pretende mellorar as condicións de vida do Barrio de Santa Lucía – La Mosca. A medio prazo –anunciou o alcalde-, tamén existe o proxecto de realoxar a 52 familias deste lugar.