Publicada a convocatoria de axudas de cooperación, dotada con 4,45 millóns de euros
A resolución da secretaría xeral de Relacións Exteriores pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de cooperación para o desenvolvemento, sensibilización sobre as causas da pobreza e fortalecemento de ONGD, foi publicada no DOG do día de hoxe. A traveso delas, a dirección xeral de Cooperación Exterior destinará nos próximos dous anos unha primeira partida de 4.450.000 euros á que se sumarán vindeiras convocatorias coma a de programas e microproxectos. A actual contén tres liñas diferenciadas de axudas:
A maior dotada está dirixida á realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior, unha parte dirixida a ONGD e outra a universidades, sindicatos, empresas e comunidades galegas no exterior. As axudas públicas para a convocatoria de ONGD ascenden a 3.000.000 euros, mentres que a subvención para a realización de proxectos doutros axentes de cooperación é de 800.000 euros. Estas axudas teñen como obxectivo apoiar a execución dos proxectos que os axentes de cooperación para o desenvolvemento teñen fora do noso país, quedando excluídos os programas no eido da axuda humanitaria ou aqueles de carácter puntual, é dicir, que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo. Os proxectos presentados deberán redundar na ampliación das capacidades e liberdades da poboación beneficiaria e ter repercusión práctica na mellora das necesidades das persoas máis desfavorecidas dentro dos cinco primeiros sectores de actuación do vixente Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009.
Outros 400.000 euros financiarán proxectos de sensibilización desenvolvidos por ONGD, que teñan como obxectivo aumentar a participación cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento, así como fomentar a educación para o desenvolvemento e o coñecemento da sociedade galega sobre a realidade dos pobos máis desfavorecidos, incidindo asemade na investigación sobre as causas da pobreza.
A dirección xeral de Cooperación Exterior destinará ademais, un total de 250.000 euros a subvencións para a consolidación e fortalecemento das ONGD con domicilio social ou delegación permanente en Galicia. O obxectivo destas axudas é promover a formación técnica do persoal, socios e voluntarios das ONGD, mediante o financiamento de seminarios e obradoiros. Incidirase tamén na formación arredor da mellora da xestión das ONGD, sobre os diferentes aspectos técnicos das fases dun proxecto de desenvolvemento, e verbo de técnicas de comunicación externa ou de relación cos medios de comunicación. Fináncianse asemade, gastos derivados da contratación de persoal encargado do deseño e da realización de campañas de sensibilización, e no caso das entidades con enderezo social en Galicia, inclúese a posibilidade de financiamento de persoal nas áreas de planificación integral.
Para poder optar a estas axudas as entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
A execución dos proxectos non poderá ter comezado antes do 2 de xaneiro do 2009. Os de carácter anual, deberán rematarse antes do 30 de decembro de 2009; no caso de proxectos con carácter plurianual, deberán finalizar antes do 31 de outubro de 2010, debendo executarse polo menos o 60% da contía total do mesmo no ano 2009.
As entidades interesadas deben presentar a súa solicitude no prazo dun mes dende hoxe, día da publicación da convocatoria no DOG. A administración contará con tres meses para resolver e notificar as resolucións.