Publicado o informe 2008 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior, acaba de publicar na súa páxina web o Informe 2008 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento; pódese atopar no apartado de publicacións no enderezo electrónico http://www.cooperaciongalega.org/publicacions.html. Segundo solicitude do sector, e grazas a un esforzo de celeridade na sistematización de datos, este ano pódese, por vez primeira dispor da totalidade dos datos do pasado exercicio antes da primavera.
O Informe, presentado polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e prologado pola titular do departamento, Fabiola Sotelo, fai un completo percorrido polas actuacións levadas a cabo en materia de cooperación durante o pasado 2008. Despois de lembrar o marco xurídico que rexe as actuacións neste eido, recolle os avances en cada un dos obxectivos establecidos no Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009 durante a pasada anualidade. Asemade aporta os datos de distribución dos fondos da axuda oficial ao desenvolvemento galega (AOD) tanto sectorial coma xeograficamente.
No referente ao reparto xeográfico, o gran salto cuantitativo atopámolo en África, especialmente na África lusófona, incorporando por vez primeira no 2008 coma país de destino da axuda a Angola, e aumentando moi considerablemente o esforzo en Guinea Bissau, o máis empobrecido dos países prioritarios da cooperación galega, que pasa este ano a conformarse como primeiro receptor da axuda galega. Este apoio decidido cara a África fai incrementar tamén de xeito salientable a porcentaxe dedicada aos países menos avanzados (PMA), que se atopa ao redor do 40%, debido maiormente ao pulo e aprobación de 3 programas e 13 proxectos no devandito continente.
Tendo en conta o conxunto da AOD destinada ao terreo de todos os departamentos da Xunta de Galicia, a concentración da axuda para os países prioritarios mantense por riba do 90%. O mesmo sucede coa axuda destinada a países menos adiantados (PMA) e a países con menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).
En canto aos sectores prioritarios, é salientable a mellora á atención de sectores como a participación social, desenvolvemento institucional e bo goberno, e cobertura das necesidades sociais básicas. Si se incorporan os proxectos financiados polos outros departamentos da Xunta de Galicia, estas porcentaxes aumentan sensiblemente tanto no caso do investimento no ser humano coma no da promoción do tecido económico.
O Informe 2008 fai tamén exposición detallada, proxecto por proxecto, tanto das actuacións financiadas no terreo, coma das levadas a cabo en Galicia en materia de sensibilización e educación para o desenvolvemento, así coma das iniciativas de apoio ao fortalecemento de ONGD. Explica tamén, as actividades de comunicación e de formación, os foros de participación e outros fitos salientables do labor da Cooperación Galega no pasado ano.
Na distribución de recursos por tipo de axente, destaca unha vez máis a preponderancia do traballo executado a través das ONGD sobre os denominados Outros Axentes (Universidades, empresas, sindicatos...) avanzando ata preto do 70% na xestión da AOD galega, tanto pola súa especialización coma pola apertura de dúas novas convocatorias: a convocatoria de programas a longo prazo, e a de microproxectos.
A dirección xeral de Cooperación Exterior, financiou 105 actuacións; 63 nos países prioritarios de América Latina e África, e 42 en Galicia: 28 de sensibilización e 14 de fortalecemento. No conxunto da Xunta de Galicia, o total dos proxectos financiados ascende a 128.
Informe anual 2008: