Noticias de Cooperación Gallega
03/02/2009
Xeral

Preséntase a primeira Iniciativa de Codesenvolvemento da Cooperación Galega

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, presentaron esta mañá no Club Internacional de Prensa a Iniciativa Piloto de Codesenvolvemento Galicia-Senegal, proxecto que busca, por unha banda, promover o fortalecemento do tecido asociativo senegalés en Galicia e, pola outra, contribuír ao desenvolvemento produtivo da poboación de Diama Alwaly (Norte de Senegal).

A presentación contou coas intervencións de Abdel Fatta Seye, Presidente da Asociación Pontevedresa de Senegaleses-Dioco, en calidade de representante das asociacións de senegaleses participantes no proxecto, e Iria Vázquez Silva, investigadora socióloga da Universidade da Coruña, quen realizou o Estudo sobre a situación da poboación senegalesa en Galicia que foi presentado no acto.

Tanto o secretario xeral de Emigración como a directora xeral de Cooperación Exterior destacaron nas súas intervencións a importancia do traballo conxunto entre ambos departamentos comezada en novembro de 2007. Manuel Luís Rodríguez, lembrou que este proxecto “naceu como resultado do compromiso do Goberno galego para potenciar actuacións de codesenvolvemento a través do fomento de iniciativas conxuntas cos diferentes departamentos da Xunta de Galicia” e destacou o traballo e a implicación das asociacións de senegaleses en Galicia no proxecto á vez que animou ás partes implicadas a “asumir o reto de levalo a adiante co obxectivo de seguir fortalecendo os lazos que unen a Galicia e Senegal e para que serva como referente para futuros proxectos de codesenvolvemento”.

Pola súa banda, a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, salientou a novidade do dobre enfoque, “de interactuación entre migracións e desenvolvemento” e mostrouse confiada en que a boa sintonía de colaboración entre os dous departamentos “dea lugar a novas iniciativas conxuntas nun futuro próximo”. Asemade, sinalou a importancia de “traballar por vez primeira cun novo axente de desenvolvemento, a comunidade inmigrante afincada en Galicia, neste caso a senegalesa”.

Os beneficiarios directos da iniciativa piloto son as asociacións de inmigrantes das catro provincias galegas, así como a comunidade de Diama Al Waly (Norte de Senegal). ONG pro-inmigrantes con experiencia de traballo en África participan tamén na iniciativa.

O proxecto ten dúas compoñentes diferenciadas. Por unha banda, as actividades a desenvolver en Galicia; baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Emigración, levaranse a cabo simultaneamente nos anos 2009-2010 e combinan accións formativas co asesoramento especializado.

Os resultados que se esperar acadar con esta iniciativa concrétanse nos seguintes puntos:- Mellora da capacidade xestora das Asociacións de Senegaleses interesadas en participar no proxecto.- Incremento das capacidades das Asociacións de Senegaleses participantes para acceder ás axudas e subvencións públicas e privadas existentes para a presentación de proxectos.- Implementación dun proceso de difusión das Asociacións de Senegaleses en Galicia.- Promoción dun sistema de coordinación e comunicación entre as Asociacións participantes.- Estudo do funcionamento do sistema de remesas.- Fomento de actividades autoxestionadas por mulleres.

Apoio ao desenvolvemento produtivo da comunidade senegalesa de Diama AlwalyA Dirección Xeral de Cooperación Exterior coordina pola súa banda, a compoñente que se desenvolve no Senegal, e que arrincou en agosto de 2008 cunha primeira misión de diagnose de necesidades na vila senegalesa de Diama Alwaly, lugar de intervención seleccionado previamente pola comunidade senegalesa radicada en Galicia. Cómpre salientar que o vínculo con esta comunidade ven tamén do feito de que en Galicia contamos con persoas procedentes da zona, existindo ademais lazos de colaboración entre a propia comunidade e o asociacionismo senegalés radicado en Galicia.

O proxecto ten como obxectivo propiciar o  desenvolvemento produtivo agrícola da comunidade; que son dúas das maiores dificultades coas que se atopa a poboación senegalesa do rural. A intervención articúlase en tres liñas de traballo que comprenden:- unha parte de adecuación de infraestruturas (a superficie cultivable)- un módulo de xestión - módulo de formación e fortalecemento asociativo

Nestes momentos estase a finalizar a formulación e deseño das actividades concretas a realizar no período 2009-2010, así como definindo o papel dos diferentes actores nas sucesivas fases de execución.

Máis información