Noticias de Cooperación Gallega
09/02/2009
Xeral

A Xunta apoia o desenvolvemento das enerxías renovables en Bolivia

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior vén de financiar con 60.000 euros a “Instalación solar mixta térmica e fotovoltaica para un albergue infantil docente sanitario en  Senkata - el Alto – Bolivia “, en colaboración coa USC e mais concretamente co seu Máster en Enerxías Renovables e Sostibilidade Enerxética.

Esta mañá, a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo Sotelo, recibiu á Decana da Facultade de Físicas, Angeles López Aguera e a alumnos Máster en Enerxías Renovables e Sostibilidade Enerxética que participaron no proxecto. Na xuntanza  analizaron o estado de execución do proxecto, así como novas posibilidades de colaboración no eido das enerxías renovables, noutros países prioritarios para a cooperación galega.

O proxecto incide sobre a mellora das infraestruturas do Centro de Apoio Escolar e Reforzo Nutricional Utasa, con sistemas aillados fotovoltaicos para depuración de auga e iluminación, incorporando ademais sistemas térmicos para quentamento de auga para fins sanitarios. Paralelamente, púxose en marcha un taller permanente de educación en uso racional da enerxía encamiñado a incorporar á poboación xuvenil ao proceso produtivo, garantíndose así a continuidade  do proxecto.

O proxecto beneficia a 150 nenos e nenas do Centro Utasa de maneira directa e indirectamente a 1500 persoas, familiares dos nenos, de Senkata-el Alto – Bolivia.

Bolivia é país prioritario para a cooperación galega, tal e como se establece no Plan Director 2006-2009.

Máis información:http://www.usc.es/posgrao/merese07/

http://www.cooperaciongalega.org/proxecto.php?id=553