Serie de países prioritarios da cooperación galega. América do Sur: Perú
Perú é unha república presidencialista situada en América do Sur con máis de un millón douscentos mil km2, limítrofe ao Norte con Ecuador, ao NE con Colombia e Brasil, ao SE con Bolivia, ao W co océano Pacífico, e ao S con Chile. Segundo datos de 2005 supera xa os 27 millóns de habitantes, dos que entre unha cuarta e unha terceira parte viven en Lima, a súa capital.
En Perú fálase o quechua, o aimara e o español e a meirande parte da súa poboación profesa a relixión cristiá. Xeograficamente ten tres zonas ben diferenciadas: a Costa, franxa areosa e árida de entre 40 e 800 km de ancho, con excepción dalgúns vales fértiles; a Serra ou Rexión Andina constituída polos Andes que percorren o país de Norte a Sur e onde atópanse os principais xacementos minerais; e a Rexión Amazónica, formada polas ladeiras e planicies orientais que forman parte da conca do Amazonas e representa o 62% do territorio peruano, posúe importantes reservas petroleiras e de gas natural, e tamén é rica en recursos forestais.
Segundo o Informe de Desenvolvemento Humano 2007/2008, Perú ocupa o posto 87 dos 177 países recollidos, dentro dos referidos coma países de desenvolvemento humano medio, se ben o coeficiente de Gini, que mide a desigualdade está entre os 15 maiores do mundo. O seu gasto en saúde por habitante é dez veces menor que en España, e ten aínda unha alta porcentaxe da poboación sen acceso a un saneamento adecuado.
A inmensa maioría dos pobres vive na zona montañosa dos Andes ou na rexión amazónica. Ademais, o 65,3% da poboación das zonas rurais é pobre, fronte ao 41,9% das áreas urbanas. O 62%, aproximadamente, das persoas que falan quechua (idioma propio da zona andina) vive na pobreza, mentres que só o 42% de quen falan español está na mesma situación.
As rexións cos índices máis altos de pobreza e de extrema pobreza atópanse na Serra Central (Huancavelica, Huánuco, Apurimac e Ayacucho), en Cajamarca, Cusco e Puno e nas rexións da Selva (Amazonas, Loreto e Ucayali).
Os índices máis altos de desenvolvemento humano, e de riqueza, concéntranse en Lima Metropolitana, nas provincias da Costa, nas áreas de maior concentración demográfica, nas zonas máis urbanas, e nas que están máis preto das capitais.
Historia recente e actualidade
Na actualidade, Perú está nun proceso de consolidación das súas institucións e capacidades democráticas, logo de vivir moitos anos de sucesivas crises económicas, políticas e institucionais. Entre os anos 1980 e 2000, Perú viviu unha etapa de conflito armado interno, unha época de violencia política, que deixou un saldo inxusto de vítimas e de violacións dos dereitos humanos, de asasinatos, torturas, desaparicións, e que cobrou a vida de máis de 69.000 persoas.
A Comisión da Verdade e Reconciliación, CVR, foi creada no ano 2001 como a instancia encargada de esclarecer e de axudar a entender e recoñecer a verdade do proceso e os feitos de violencia ocorridos durante dúas décadas (1980-2000) e tamén denunciar as responsabilidades correspondentes.
Desde o ano 2001, o fin do goberno de Alberto Fujimori, estase dando un período de democratización das institucións, que perderan a súa credibilidade e que foron debilitadas durante o réxime autoritario, xa que durante o período de mandato do ditador a desconfianza dos cidadáns/as nas institucións foi en aumento.
A actualidade política peruana está marcada por dous grandes eixos da estratexia a nivel nacional que forman a base para as accións comprendidas no Acordo Nacional. Estes eixos son, en primeiro lugar, a modernización do Estado, que inclúe un conxunto de reformas necesarias para a consolidación do sistema democrático e o bo goberno e para sentar as bases dun crecemento económico sostido. En segundo lugar a descentralización, que inclúe a transferencia de competencias e recursos do Goberno Nacional cara aos Gobernos Rexionais e Locais.
O novo goberno de Alan García, do Partido Aprista Peruano, chegou ao poder en xullo do 2006 logo dun proceso electoral no que obtivo unha vantaxe por minoría na segunda volta, derrotando ao ex militar nacionalista Ollanta Humala - líder dunha rebelión contra Fujimori no ano 2000, de perfil indixenista -, quen resultara vencedor na primeira rolda.
As eleccións revelaron as profundas divisións do país, particularmente no ámbito rexional, e a urxencia de combater a exclusión social, política e económica. O Goberno aceptou o desafío e invitou aos diferentes sectores da sociedade civil a participar en estratexias de inclusión social, e de políticas de loita contra a pobreza. Os programas e proxectos foron xa identificados pero aínda non se concretaron.
Os obxectivos máis importantes son os que incumben aos seguintes aspectos: a diminución da malnutrición infantil, a redución do analfabetismo, a promoción das capacidades produtivas nas zonas andinas altas particularmente na serra (Programa Sierra Exportadora) e a descentralización.
Cooperación Internacional en Perú: o aporte da Cooperación Galega
A coordinación da cooperación técnica internacional está a cargo do Ministerio de Relacións Exteriores, a través da Axencia Peruana de Cooperación Internacional (APCI).
A APCI está nun proceso de fortalecemento da xestión descentralizada da cooperación internacional entre os gobernos rexionais e locais; a Cooperación Galega súmase a ese novo enfoque, canalizando os recursos cara ás rexións para contribuír adecuadamente ao desenvolvemento Rexional, e de acordo cos plans de desenvolvemento concertados das rexións.
Perú é un dos 17 países prioritarios do I Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009. No período 2003-2005 este país recibiu 2,5 millóns de euros en intervencións financiadas tanto con convenios de colaboración directa co Goberno Peruano e con organizacións peruanas, como a traveso das convocatorias de ONGD e outros axentes de cooperación (ONGDs, Universidades, Empresas...). No período 2006-2008 a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) galega neste país, increméntase en máis dun 40% acadando a cifra de 3,52 millóns de euros, e posicionando a Perú coma o primeiro país destino da nosa AOD.
A delimitación do ámbito xeográfico de actuación da Cooperación galega en Perú tamén ten en conta para a selección das rexións do país nas que se vai a traballar as zonas menos desenvolvidas económica e socialmente, e unha especial atención dentro destas aos colectivos máis desfavorecidos. Así o ámbito xeográfico de actuación da Cooperación galega en Perú centrarase en tres zonas específicas:
Zona Norte:
Departamentos de Piura, Cajamarca e Amazonas.
A elección destas zonas de actuación vén delimitada pola experiencia de traballo anterior e polas coincidencias nos plans de desenvolvemento para os próximos anos. Son zonas eminentemente rurais, dedicadas á agricultura e a gandería. Estas zonas, ademais están priorizadas na axenda nacional de desenvolvemento, por ser áreas de pobreza e pobreza extrema.
Zona Centro:
Lima Metropolitana e Provincia Constitucional do Callao. As áreas urbano marxinais de Lima e do Callao concentran o maior número de poboación (máis de 8.000.000 habitantes) e unha elevada taxa de pobreza total, o 35.8%.
Zona Sur de Lima:
Zonas afectadas polo terremoto de Pisco de agosto de 2007 para a reconstrucción e a rehabilitación.
Asemade, no Plan de Actuación País 2008-2010 da Cooperación Galega en Perú, establecense criterios de intervención estratéxicos relacionados coas prioridades sectoriais establecidas no I Plan Director da Cooperación Galega, vixente ata 2009.
Proxectos vixentes
Na actualidade están vixentes sete proxectos de cooperación no país andino, así coma un programa de desenvolvemento integral en fase de identificación na zona amazónica. A Cooperación Galega conta cunha cooperante expatriada que coordina estes traballos, e en breve a Oficina Técnica de Cooperación da AECID en Lima recibirá unha nova cooperante galega en formación que afondará nos labores de seguimento e creación de sinerxías entre os axentes galegos e peruanos que traballan con fondos da Xunta de Galicia. No 2008 Perú recibiu 1.250.148 € de AOD galega a través da DXCE, significando este monto o 13,32% do total da AOD galega en terreo otorgada pola DXCE; esta cifra foi superada en dito ano pola AOD destinada a Guinea Bissau, se ben no trienio 2006-2008 Perú foi o primeiro país receptor dos fondos públicos da Cooperación Galega.
Intermon Oxfam, leva varios anos traballando con financiamento galego no empoderamento da muller peruana coa CONAMOVIDI (Confederación Nacional de Mujeres Organizadas por la Vida y el Desarrollo Integral) con preto de 50.000 mulleres beneficiarias das súas accións de incidencia sobre as políticas públicas de loita contra a pobreza, seguridade alimentaria e equidade de xénero.
Taller de Solidariedade, traballa na rexión amazónica do Alto Marañón en materia educativa e tamén de xénero coas Siervas de San José coma contraparte, apoiando a escolarización de máis de 500 rapaces e rapazas indíxenas; ademais desenvolve outro proxecto para o manexo sostible de recursos naturais co SAIPE (Servicio Agropecuario para la Investigación y Promoción Económica) peruano na mesma zona.
Axuda en Acción traballa na fronteira Norte entre Perú e Ecuador en materia de soberanía alimentaria en comunidades excluídas da conca do río Macará, con ESCAES (Escuela Campesina de Educación y Salud) coma parceiro e dende o enfoque asociativo, recollendo a máis de 60.000 beneficiarios no pulo á capacitación e ás actividades produtivas.
A súa vez, ESCAES desenvolve un proxecto sobre o manexo de recursos hidrobiolóxicos con pescadores e extractores de marisco na baía de Sechura, tamén cunha importante compoñente formativa na práctica produtiva, e con tres eixes transversais para o enfoque medio ambiental, de equidade de xénero e de defensa dos dereitos.
A Asociación Galega de Hemofilia, accedeu por vez primeira ao financiamento da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a traveso dun microproxecto coa Asociación Peruana de Hemofilia, centrado especialmente na capacitación, entendendo esta como a transmisión de coñecementos, valores e destrezas sobre asuntos tales como relacións institucionais, formación de voluntarios e xuntas directivas, plans estratéxicos ou recadación de fondos.
No referente á cooperación directa, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior traballa coa Asociación Chira peruana na xestión sostible da Subconca do Chipillico, apoiando a formalización da rede de concellos e organizacións sociais da zona, así como das asociacións de produtores e regantes nun primeiro momento, e desenvolvendo xa de seguido accións de organización, protección e explotación sostible dos recursos, agrícolas, forestais e gandeiros.