Serie de países prioritarios da cooperación galega. Africa: Guinea Bissau
Guinea Bissau é unha pequena república situada en África Occidental con pouco máis de trinta e seis mil km2, limítrofe ao Norte con Senegal, ao Leste con Guinea Conakry, e ao Oeste co océano Atlántico. Segundo datos de 2007 supera ten preto de 1,7 millóns de habitantes, dos que unha cuarta parte viven en Bissau, a súa capital.
En Guinea Bissau fálanse diversas linguas entre as que predomina o criollo e o portugués, a meirande parte da súa poboación profesa cultos animistas, 47%, e relixión musulmá, 45%; o 8% restante son cristiás. Xeograficamente todo o territorio é baixo, excepto no Nor- leste onde algunhas extensións da meseta de Fouta Djallon chegan a altitudes entre os 100 e os 200 metros; ao longo da costa abundan os estuarios cenagosos e as rías. Forman parte do país o arquipélago das Bijagós e outras illas fronte a costa; no interior o terreo elévase gradualmente entre o río Geba e a fronteira senegalesa, os principais ríos, son navegables por embarcacións menores.
Segundo o Informe de Desenvolvemento Humano 2007/2008, Guinea Bissau ocupa o posto 175 dos 177 países recollidos, é así, un dos países máis empobrecidos do mundo. A esperanza de vida ao nacer a penas supera os 45 anos, sendo a taxa de fecundidade unha das máis altas, con 7,1 fillos por muller en idade fértil. A taxa de mortalidade infantil rolda os 120 por cada 1.000 nados, e o ingreso per cápita non chega aos 200 $ anuais.
Historia recente e actualidade
En 1973, Arístides Pereira, asumiu a presidencia do Partido Africano para a Independencia de Cabo Verde e Guinea Bissau (PAICG) tralo asasinato de Amílcar Cabral, o seu líder histórico. Pereira proclamou a independencia de Portugal nese mesmo ano, sendo admitida na ONU ao ano seguinte. Xa en 1980, Guinea Bissau sufre un golpe de estado, o país non elixiu Asemblea ata 1984, cando ademais aprobaron unha nova Constitución.
Xa nos últimos 90, e tras un suposto fracaso dun novo golpe de estado por parte do exército, desencadeáronse combates entre os golpistas e o resto das Forzas Armadas, así como cunha facción militar encabezada polo xeneral Ansumane Mané, que en menos de dous meses deixou atrás máis de 2.000 mortos e 300.000 desprazados. A UE apoiou en comunicado a mediación de Portugal e Angola para a pacificación, a tregua acadouse finalmente grazas a mediación dunha delegación da Comunidade de Países de Fala Portuguesa (CPCL) encabezada polos ministros de Asuntos Exteriores de Cabo Verde e Portugal.
En decembro de 1998 o Consello de Seguridade de NNUU aprobaba a resolución 1216 a propósito da crise en Guinea Bissau e pola grave situación humanitaria que afectaba á poboación civil. Asemade aprobábase que as forzas de interposición do ECOMOG executaran as operacións de mantemento da paz. Se ben o conflito non concluíra, en 1999 as tropas de Mané depuxeron ao presidente Vieira que posteriormente foi expulsado do partido (PAICG); a finais dese mesmo ano tiveron lugar as eleccións lexislativas e presidenciais, levando ao poder ao Partido da Renovaçao Social (PRS) deixando ao PAICG coma principal partido da oposición. Non foron anos de estabilidade, con múltiples acusacións de corrupción e conspiracións; tensións internas, coas Forzas Armadas, ou co poder xudicial, provocando un novo chamamento do Consello de Seguridade de NNUU para resolver os enfrontamentos pola vía do diálogo e do respecto á separación de poderes; o mandato da Oficina das NNUU para o mantemento da paz en Guinea Bissau (UNOGBIS) que expiraba en 2002 foi prorrogado ata 2003 por petición do propio goberno.
Todo isto desembocou nun novo golpe de estado en setembro de 2003 protagonizado polos militares, os cales anunciaron a creación dun goberno de transición, denunciando as “arbitrariedades" do presidente Ialá. Finalmente as eleccións lexislativas celebráronse en marzo de 2004 e devolveron o poder ao PAICG; as presidenciais, xa no 2005, permitiron que tanto o ex presidente Vieira coma o ex presidente Ialá, ambos ascendidos e depostos do poder mediante golpes de estado e grazas a unha lei de amnistía, se presentaran as eleccións. Vieira obtivo a vitoria e gobernou cun gabinete de ministros mixto entre representantes do PAICG e do PRS; nas lexislativas de 2008, o PAICG acadou xa a maioría absoluta, mentres que o PRS baixou o número de escanos, de 35 a 28. O novo Primeiro Ministro, Carlos Gomes, tomou posesión o 2 de xaneiro deste mesmo ano 2009.
Cooperación Internacional en Guinea Bissau: o aporte da Cooperación Galega
Guinea Bissau é considerado coma país de Atención Focalizada polo novo Plan Director da Cooperación Española 2009 – 2012, grupo de países que concentrará un mínimo da quinta parte da AOD estatal. Esta categoría inclúe países que polo seu potencial coma socio no desenvolvemento, polas oportunidades de harmonización, coordinación e complementariedade, ou debido a súa estrutura da Cooperación Española no país, o programa de cooperación aumenta o seu impacto en desenvolvemento si se centra nun único sector clave ou en máis de un pero baixo un único enfoque; asociado a unha coxuntura específica, identificada conxuntamente co país socio e cunha utilización selectiva de instrumentos.
Para Galicia, segundo o establecido no vixente Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006 – 2009, Guinea Bissau é país prioritario, tanto polo seu baixo Índice de Desenvolvemento Humano, coma pola vantaxe comparativa da lusofonía para o traballo tanto dos axentes da cooperación galega, coma no nivel institucional.
No período 2003 – 2005 apenas recibiu fondos de AOD galega, cunha cifra de 86.108 €, dado que non se consideraba coma prioritario nas convocatorias públicas de axudas a proxectos no exterior; se ben xa con I Plan Director vixente, a cifra de AOD destinada a Guinea Bissau acadou os 2.107.302 € no período 2006 – 2008; conformándose coma primeiro país receptor de axuda galega ao desenvolvemento en África, seguido por Mozambique, outro dos países prioritarios cun menor IDH, tamén do ámbito da lusofonía.
Programas e proxectos vixentes
Na actualidade están vixentes dous programas e tres proxectos de cooperación no país africano. O cambio de enfoque cara unha cooperación encamiñada aos procesos e a conseguinte posta en marcha da convocatoria de programas, a cal prima especialmente as actuacións nos países menos adiantados e cun menor IDH, así coma o inxente esforzo por parte do sector para aumentar a atención na África Subsahariana, facilitaron a aprobación de dous importantes programas a dúas ONGD con experiencia de traballo no país de referencia:
Asemblea de Cooperación Pola Paz, impulsa o programa de prevención, diagnose e tratamento do VIH/SIDA, para máis de 425.000 usuarios potenciais en Bissau, e outros 173.000 das rexións de Quinara e Tomabalí. Traballan coa contraparte Asociación Guineense de Estudos e Alternativas, e os 622.330 € de financiamento galego, conforman máis da metade do orzamento total do proxecto.
Seguindo coa loita contra o VIH/SIDA, así coma doutras enfermidades de transmisión sexual, a Asociación Ceu e Terras, desenvolve un proxecto polo cal se está a aumentar a capacidade de atención aos pacientes seropositivos de Bissau, a traveso da dotación de equipamento de diagnose, así coma de medicamentos para o tratamento das enfermidades oportunistas asociadas á SIDA.
Paz e Desenvolvemento, a traveso do financiamento dun proxecto na convocatoria de ONGD do pasado ano 2008, traballa no sector de Farim na redución do índice de transmisión da SIDA, fortalecendo aos servizos públicos de saúde da rexión de Oio, con NADEL coma parceiro (Asociación Nacional para o Desenvolvemento Local Urbano). A traveso da Rede de Asociacións Comunitarias de Farim, desenvólvese a formación complementada pola construción dun centro que será atendido polos Comités de Xestión, cara ao seu aproveitamento e sostibilidade.
Paz e Desenvolvemento, impulsa asemade o programa de mellora das condicións das mulleres no rural, así coma da xestión dos recursos naturais nas rexións de Oio, Cacheu e Bafatá; consolidando e estendendo os apoios para a mellora das oportunidades económicas, educativas e sanitarias, e de promoción da equidade de xénero, así como da promoción da seguridade alimentaria e xestión sostible dos recursos naturais. Traballan coa Federación Campesiña KAFO. Esta ONGD xa recibira financiamento no 2006 para un proxecto de desenvolvemento do tecido produtivo coas mulleres de Xime (Bafatá), e ten presenza consolidada na zona.
En materia de educación e coa ONGD AIDA, tamén fortemente asentada en Guinea Bissau, se está a desenvolver un proxecto de apoio á construción dunha escola de secundaria en Prabis para mellorar o nivel formativo escolar dos mozos e mozas da rexión, e desenvolver recursos humanos cualificados que o país necesita, no seu esforzo por reducir a pobreza e asegurar un crecemento sostible.