Noticias de Cooperación Gallega
26/02/2009
Xeral

A exposición Achégate á cooperación galega percorrerá 25 centros de formación profesional

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, presentaron hoxe a nova andaina da mostra de sensibilización cidadá Achégate á Cooperación Galega, que percorrerá 25 centros de formación profesional este ano 2009 para amosar a centos de estudantes da rama sanitaria e de comercio e marketing, as actividades desenvolvidas polas administracións e organizacións galegas para loitar contra a pobreza e as súas causas.

A exposición Achégate!, comezou a súa andaina en 2008, percorrendo máis de 60 concellos e recibindo a máis de 15.000 galegos e galegas. Co fin dunha maior optimización dos recursos, volveranse a utilizar os materiais desta exposición que consta de 24 paneis en secuencias onde o alumnado poderá apreciar, dunha forma gráfica e visual, as accións levadas pola cooperación galega en máis de 17 países do Sur dende unha perspectiva humana, directa e obxectiva, e así poder transmitir o sentido de xustiza e responsabilidade cos pobos menos desenvolvidos. En cada centro haberá ademais, 50 trípticos da cooperación galega, que os alumnos poderán levar consigo.

Comezará o 2 de marzo e finalizará o 21 de decembro, permanecendo durante unha semana en cada un dos centros seleccionados. Os concellos que visitará son Cedeira, Burela, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Verín, Ourense, Tui, Vigo, Redondela, Marín, Ponte Caldelas, Pontevedra, A Pobra do Caramiñal, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Silleda, Arzúa, Santiago de Compostela, Negreira, Cee, Carballo, A Coruña e Ferrol.

A sensibilización da cidadanía galega é o primeiro obxectivo estratéxico da Xunta de Galicia no tocante á Cooperación para o Desenvolvemento, segundo se recolle no I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009. Divulgar a situación dos países en desenvolvemento é imprescindible, como pulo na loita contra a pobreza, enfocando a mesma, non só dende as súas consecuencias, senón tamén dende as súas causas. Preténdese incentivar a participación nas iniciativas de cooperación ao desenvolvemento, dando un paso máis aló: dende a solidariedade á responsabilidade.