Noticias de Cooperación Gallega
06/03/2009
Xeral

Serie países prioritarios da Cooperación Galega. América Central: Guatemala

Guatemala é a máis setentrional das repúblicas centroamericanas. A súa superficie é de 108.890 km². Limita ao leste co mar das Antillas e as Repúblicas de Honduras e O Salvador, ao sur co océano Pacífico, ao Oeste con México e ao nordés con Belice e o mar Caribe. Atópase situada nunha zona estratéxica xa que é fronteira entre América Central e América do Norte, é polo tanto case ruta obrigada para os que decidan emigrar por terra dende o sur cara ó norte, especialmente cara a Estados Unidos. A súa fronteira é unha das máis perigosas do mundo, e cada vez está máis vixiada.

Con base na información proporcionada pola Dirección Xeral de Comunicación Exterior do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación de España, estímase que a súa poboación total rolda os 12,9 millóns de habitantes (dato do ano 2007). Na súa capital, que é a Cidade de Guatemala, e área metropolitana, viven ao redor de 2,88 millóns de habitantes (estimación do ano 2006).

Guatemala é o país máis poboado de Centroamérica e caracterízase pola súa diversidade, sobre todo indíxena. É o segundo país de América Latina cun maior número relativo de poboación indíxena: máis do 40% da súa poboación é de orixe precolombino, e estes, malia ser na súa maioría de ascendencia maia, pertencen a diferentes grupos étnicos.

A lingua oficial de Guatemala é a española, pero ademais fálanse máis de 20 linguas indíxenas pertencentes ao grupo maia. Tamén se fala, aínda que en menor medida, garífuna, e hai presenza indíxena xinca.

A meirande parte dos guatemaltecos, en torno ao 66%, son católicos, aos que se suman evanxélicos e os pertencentes a outros grupos relixiosos minoritarios. En relación á súa xeografía, o país é maioritariamente montañoso, a excepción dunha zona baixa e selvática, El Petén, localizada no Norte. Guatemala é un dos países máis volcánicos do mundo

O seu sistema de goberno é unha República presidencialista, democrática e representativa. Baseándose en datos do Informe de Desenvolvemento Humano 2007/ 2008, Guatemala ocupa o lugar 117 dun total de 177 países recollidos: O seu Índice de Desenvolvemento Humano é medio. Este indicador mide entre outros os éxitos de tres compoñentes: a esperanza de vida, a educación e os ingresos reais. Só un país de América Latina, Haití, ten un máis baixo grao de desenvolvemento humano que Guatemala.

 

Historia recente e actualidade

Guatemala independizouse de España no ano 1821, pero non se constituíu como Estado ata 1838. A súa historia recente está marcada pola guerra, que asolou este país durante máis de tres décadas. O Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación de España informa que Guatemala viviu dende 1960 unha guerra civil non declarada entre o Exército e a guerrilla. Os distintos grupos que a conformaban uníronse en febreiro de 1982 na Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca (URNG). A guerrilla chegou a contar con máis de 10.000 efectivos.

Para combater a esta forza e debilitar a súa base social, que era esencialmente rural e indíxena, o goberno contou co apoio de grupos paramilitares e de patrullas civís. Entre as principais demandas dos rebeldes figuraban as seguintes: a depuración do estamento castrense e o procesamento da oficialidade implicada en graves violacións dos dereitos humanos.

Tras un longo proceso de achegamentos, conversacións e roldas negociadoras, que durou máis de 5 anos, o Goberno e a guerrilla asinaron a paz o 29 de decembro de 1996. O 3 de marzo de 1997 iniciouse a desmobilización da Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca e do Exército do país. Acusouse ao Exército e aos grupos paramilitares de cometer atrocidades durante as décadas que durou a guerra civil (1962-1996).

Alfonso Portillo, da Fronte Republicana Guatemalteca (FRG), partido conservador definido como "ultra dereitista" e "populista", gañou en segunda volta as eleccións celebradas o 26 de decembro de 1999, o que o converteu no primeiro presidente despois da Guerra Civil. Portillo defendía a reconciliación nacional e a construción dun país máis igualitario e xusto. Portillo estará ao fronte do executivo ata xaneiro do ano 2004. A Alfonso Portillo sucedeulle Óscar Rafael Berger Perdomo, da Gran Alianza Nacional (GANA), coalición formada a partir da integración de diferentes partidos, o que ostentará o poder ata xaneiro do ano 2008.

No 2006, o xuíz Santiago Pedraz, a instancias do fiscal Jesús Alonso, decretou a prisión dos ex ditadores Efraín Ríos Montt e Oscar Humberto Mejía Victores, xunto a de outros 5 xenerais, acusados de delitos de xenocidio, terrorismo, asasinato, torturas e detencións ilegais. Esta medida significaba tamén a orde de captura internacional dos imputados, o embargo dos seus bens e o bloqueo das súas contas bancarias, non obstante, antes de proceder con esta, era necesario que a Corte Constitucional e o Tribunal de Conflitos de Xurisdición guatemaltecos decidisen sobre os recursos presentados polos defensores dos acusados.

A Audiencia Nacional española intentou en diferentes ocasións xulgar os autores dos crimes acaecidos durante a guerra civil guatemalteca, enfrontándose á negativa das autoridades do país. No 2007 celebráronse os últimos comicios presidenciais, que deron o triunfo ao candidato de centro- esquerda Álvaro Colom, ao fronte de ÚNEA, Unidade Nacional da Esperanza.

Na actualidade unha das principais preocupacións da poboación guatemalteca é a violencia que hai no país. Tamén preocupa a emigración e as condicións de vida da súa poboación. A pobreza neste país afecta o 54% da súa poboación: o 22% vive na pobreza extrema. En Guatemala hai unha grande desigualdade social que afecta principalmente a súa poboación indíxena: En torno ao 74% vive na pobreza, e o 40% na pobreza extrema. Os indíxenas son o colectivo máis afectado por esta situación, que empeora no caso de tratarse de mulleres na área rural. O Informe Nacional de Desenvolvemento Humano Guatemala 2005 informa da necesidade imperiosa de romper con esta vinculación entre diversidade e desigualdade

 

Cooperación Internacional en Guatemala: O aporte da Cooperación Galega

Os Acordos de Paz asinados en 1996 entre o goberno e a guerrilla son o punto de partida e o referente das políticas de cooperación do país. No 2005 aprobouse a Lei marco dos devanditos acordos, que coinciden en moitos aspectos cos ODM (Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio). Guatemala non dispón dun plan ou estratexia a longo prazo para erradicar a pobreza, a inxustiza e a exclusión.

A Unión Europa ten un Documento Estratexia País para o período 2007-2013, que lle permite definir e seguir unha estratexia de actuación concreta para que a súa actuación sexa máis eficaz e organizada. A AECID tamén dispón dun Documento Estratexia País (DEP) 2005-2008. Ademais, o PNUD tamén traballa no país. O seu proceder enmárcase dentro do UNDAF 2005-2009 Guatemala.

Respecto á cooperación galega, esta ten como referente normativo a Lei Galega de cooperación para o desenvolvemento (Lei 3/2003 do 19 de xullo) e o I Plan Director de Cooperación Galega 2006 - 2009. No marco planificador, está vixente o Plan de Actuación País para Guatemala 2008 – 2010.

O traballo no país está dirixido cara a:

1. O aumento da cobertura das necesidades sociais básicas.
2. Contribuír ao desenvolvemento económico e produtivo do país.
3. Combater a desigualdade e a exclusión social.
4. Fortalecemento do capital humano científico e técnico.
5. Preservación dos ecosistemas e potenciación da variable ambiental no económico e no social.

 

Programas e proxectos vixentes

Guatemala é un dos 17 países prioritarios para a cooperación galega, como se indica no I Plan Director da Cooperación Galega (2006-2009). A DXCE, introduciu importantes novidades no xeito de traballar da Cooperación Galega, entre as que destaca a aposta pola creación de sinerxías. Exemplo deste tipo de esforzos é o "Programa integral Oxlajuj Tz'ikin". Trátase da iniciativa en marcha máis ambiciosa da cooperación galega, á que se asignou un orzamento inicial de 5.6 millóns de euros. Nela participan ademais da DXCE, os gobernos das municipalidades de Champerico e Retalhuleu, ONGD galegas e contrapartes locais.

O programa está dirixido a 18 comunidades, nos que a poboación é maioritariamente rural e indíxena. Os beneficiarios do programa ascenden a 20.000 persoas. A área de intervención sitúase na franxa costeira dos Municipios de Champerico e Retalhuleu, limítrofes co Océano Pacífico. Os puntos nos que se vai centrar este programa son os seguintes: Mellora da infraestrutura de habitabilidade básica, da cobertura sanitaria, da calidade educativa, da soberanía alimentaria e do desenvolvemento produtivo, xunto ao fortalecemento institucional, fortalecemento comunitario e xestión de risco e prevención de desastres. "Oxlajuj Tz'ikin" tradúcese como "O día da fortuna" no calendario maia. Este programa integral empezou a executarse no ano 2008, e está pensado para un período de 4 anos (2008 - 2011).

Guatemala beneficiase tamén dun Programa de Formación para a Pesca Artesanal que ten como ámbito xeográfico de intervención os sete países de América Central (PROFOPAC). Este estrutúrase en torno a tres actuacións fundamentais: reforzo institucional, apoio aos pescadores artesanais e formación de formadores.

A riqueza deste programa radica na multiplicidade de actores que interveñen. Ademais da DXCE da Xunta de Galicia, a traveso do CETMAR, participa tamén a AECID, xunto á Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola del Istmo Centroamericano (OSPESCA), actor - executor fundamental, que á súa vez componse das administracións nacionais dos países participantes centroamericanos, entre outros colaboradores. A execución deste programa, que leva varios anos en marcha, remata a finais de 2009.

Por outra banda, a DXCE contribúe con apoio económico ao desenvolvemento de proxectos no país formulados por ONGD galegas xunto coas súas contrapartes locais, os cales teñen diferentes obxectivos, como habitabilidade básica, educación, sanidade, desenvolvemento produtivo e empoderamento da muller. O pasado ano 2008, Guatemala foi o primeiro receptor de Axuda Oficial ao Desenvolvemento galega de América Central, cun monto de 831.406 € repartidos en 9 actuacións, 6 de elas no marco do programa “Oxlajuj Tz’ikin" e outras 3 a traveso das convocatorias de proxectos e microproxectos para ONGD.