Serie países prioritarios da Cooperación Galega. América do Sur: Bolivia
Bolivia cobrou moita relevancia informativa nos últimos anos. Situado en América do Sur, concretamente na América Andina, limita ao oeste con Chile e Perú, ao norte e ao leste con Brasil, e ao sur con Paraguai e Arxentina. Bolivia ten unha superficie de 1.098.581 km².
A súa poboación, segundo datos do 2006, é de 9.627.269 habitantes. Sucre é a capital constitucional da República. Nesta cidade atópase a Corte Suprema de Xustiza, mentres que a sede do Goberno está na cidade de La Paz. En La Paz localízanse tamén o poder Lexislativo e as embaixadas estranxeiras acreditadas. O seu sistema de goberno é de República Parlamentaria. O territorio de Bolivia está dividido en 9 departamentos.
O país está atravesado polos Andes. A súa xeografía divídese en tres rexións: altiplano, vales e chairos. Os chairos ocupan a maior parte do territorio, en torno ao 65%. O altiplano, situado entre as cordilleiras Occidental e Oriental ou Real dos Andes, é unha zona moi rica en recursos minerais. Os vales, situados ao nordés e ao leste do país, están dedicados principalmente á gandería e ao pastoreo. Bolivia tamén posúe unha zona selvática, situada cara ao Noroeste, onde hai valiosas e abundantes especies madeireiras. Un dos seus principais límites xeoestratéxicos é que carece de saída ao mar, aínda que dispón dunha abundante hidrografía.
Bolivia é o primeiro país de América Latina co maior número relativo de poboación indíxena. Estes representan en torno o 50% da súa poboación. Os mestizos en torno ao 30%, os crioulos e europeos o 15%, e outros grupos o 9%. No país tamén hai presenza dunha minoría negra. As diferentes linguas oficiais da República son: español, quechua, aymara e guaraní. A maioría da súa poboación é católica. A constitución do país recoñece a liberdade de cultos.
En canto ao seu nivel de benestar social e segundo datos do Informe sobre Desenvolvemento Humano 2007-2008 do PNUD, Bolivia ocupa o lugar 117 dun total de 177 países. É o país de América do Sur co IDH máis baixo, e o terceiro do continente americano, só supera a Guatemala e a Haití.
Historia recente e actualidade
A República de Bolivia alcanzou a súa independencia de España no ano 1825. Dende a súa independencia a política interna boliviana caracterizouse por unha sucesión de golpes de Estado, con retrocesos e pequenos avances.
A principios do século XXI, no ano 2003, debido a unha sublevación popular que ocasionou a caída do daquela presidente da República Gonzalo Sánchez de Lozada, Bolivia saltou as primeiras planas dos medios de comunicación internacionais. A partir de entón converteuse nun país vixiado por un importante sector da comunidade internacional, que non despista as directrices do primeiro indíxena que alcanzou a presidencia dun goberno en América Latina, Evo Morales.
As protestas sociais non eran novas no país. Uns anos antes, concretamente en abril do ano 2001, o presidente Hugo Bánzer Suárez decretara estado de sitio para controlar a crise social, expresada no mantemento dunha folga xeral durante seis días en Cochabamba, bloqueos de estradas por parte dos campesiños e un motín de varias unidades da policía en La Paz. A pesar da decisión do goberno, que implicaba a suspensión parcial de garantías constitucionais, a desobediencia civil non se detivo durante un tempo.
En agosto do ano 2001, o presidente Hugo Bánzer, afectado por problemas de saúde, presentou a súa renuncia, e a presidencia pasou a mans de o daquela vicepresidente da República, Jorge Quiroga.
As eleccións do 30 de xuño do ano 2002 foron cruciais na historia do país. O ex presidente Gonzalo Sánchez de Lozana, á fronte do Movemento Nacionalista Revolucionario (MNR), foi o vencedor. Gonzalo Sánchez de Lozana fora xa presidente da República durante o período 1993-1997, sendo sucedido por Hugo Bánzer. O realmente sorprendente desta convocatoria popular foi que o indíxena e líder cocaleiro Evo Morales, á fronte do Movemento ao Socialismo (MAIS), quedou en segundo lugar, prognóstico do que ía acontecer no futuro. Como o gañador non obtivo o mínimo requirido, 50% máis 1 dos votos, recaeu sobre o Congreso o papel de elixir o líder do executivo, elixindo este a Sánchez de Lozada, que tomou posesión o 6 de agosto do ano 2002. Pero como xa se anticipou anteriormente, a súa presenza á fronte do executivo nesta segunda ocasión sería breve, non finalizaría a lexislatura, renunciando ao poder ao cabo dun ano.
O 15 de outubro do ano 2003 a Central Obreira Boliviana (COB) convocou unha folga xeral e novas mobilizacións no departamento central de Cochabamba para esixir a renuncia do presidente. As manifestacións levaban desenvolvéndose xa unhas semanas, pero agora as demandas pasaban de ser puramente económicas a reclamar a saída do presidente. O día 16 contábanse un total de 76 vítimas mortais a causa dos enfrontamentos co Exército. Os inicios da protesta atopábanse na venda de gas sen previa consulta popular.
O daquela presidente da República, Sánchez de Lozada, para frear a desobediencia civil fixo público o seu interese en convocar un referendo para definir a política de exportación do gas e a posible formación dunha asemblea constituínte. Non obstante a protesta continuou, e o presidente viuse obrigado a renunciar ao seu cargo o 17 de outubro do ano en curso, o 2003. O daquela vicepresidente, Carlos Mesa, fíxose co control do executivo.
Evo Morales xogou un papel crucial nas protestas que provocaron a dimisión de Sánchez de Lozada a tan só un ano do seu chega ao poder. Mesa, durante o seu mandato, fixo un referendo sobre as políticas do gas e do petróleo no país. Baseándose en información oficial a maioría dos bolivianos votou a favor da nacionalización do gas.
Unha vez máis, o 7 de marzo do ano 2005, Carlos Mesa presentou a súa dimisión a causa da ondada de protestas e ao bloqueo lexislativo que sufría a súa xestión. Non obstante a súa dimisión foi rexeitada polo Congreso.
O 17 de maio Hormando Vaca Díes, presidente do Congreso de Bolivia, promulgou unha nova Lei de Hidrocarburos, que non freou as protestas e a toma de estradas en demanda da nacionalización dos hidrocarburos e pola convocatoria dunha Asemblea Constituínte. O presidente tamén facía fronte entón ás demandas autonómicas.
Carlos Mesa volveu presentar a súa renuncia, que nesta ocasión si que foi aceptada polo Congreso. O novo presidente pasou a ser Eduardo Rodríguez Veltz, quen anuncio a convocatoria anticipada a eleccións xerais.
As eleccións do ano 2005 deron o triunfo a Evo Morales, co 53.7% dos votos. A participación, do 84.5%, foi a máis alta na historia do país. Evo Morales declárase como antineoliberal e latinoamericanista.
O sucedido en Bolivia é dunha grande relevancia histórica. Movementos de orixe marxista como o EZLN, volven os ollos cada vez máis cara a estes países, defendendo que na actualidade as loitas deben ser máis do tipo do que aconteceu en Bolivia e en Ecuador, e non loitas violentas, senón mobilizacións civís e pacíficas. O éxito deste tipo de movementos pode sentar un precedente a nivel mundial, fronte á lóxica armada imperante a finais do século pasado en grande parte de América Latina.
Evo Morales prometeu na súa carreira á presidencia do goberno o combate á corrupción e a recuperación da propiedade estatal do gas e doutros hidrocarburos.
A chegada ao poder do líder cocaleiro de corte socialista foi vista con receo polos investidores estranxeiros, que sentiron perigar a súa permanencia no país. Dende entón este país converteuse nun referente a nivel internacional para gobernos de diferente signo político. O primeiro de maio do ano 2006 Evo Morales aprobou o decreto de nacionalización dos recursos enerxéticos.
Juan Ramón Quintana, actual ministro da Presidencia, nunha entrevista concedida ao diario El País, informa que na actualidade Bolivia está aberta ao investimento estranxeiro en diferentes áreas. Bolivia é o segundo país do mundo coas maiores reservas de litio, e tamén sobresae polas súas reservas de hidrocarburos. O goberno de Evo Morales, defende, o que combateu foi a irresponsabilidade das empresas.
Na actualidade un dos principais problemas que enfronta o país é cos departamentos autonomistas de oriente. Con Estados Unidos a situación é de tensión. Por outra banda, con Chile e Perú mantén unha importante disputa debido á reivindicación dunha saída directa ao mar. Esta demanda mantense dende a guerra do Pacífico (1879-84). Os principais aliados na actualidade de Bolivia son os gobernos de Venezuela e de Cuba.
Evo Morales pediu nunha reunión que se celebrou recentemente en Viena que se retirase a folla de coca da lista de estupefacientes prohibidos polos convenios internacionais, afirmando que a folla de coca non é cocaína, senón parte dunha cultura. Bolivia é a segunda produtora mundial de folla de coca, despois de Colombia.
Bolivia pertence á Comunidade Andina de Nacións (CAN), e é estado asociado do MERCOSUR. Cuba, Venezuela e Bolivia subscribiron no 2006 o Tratado de Comercio dos Pobos e a Alternativa Bolivariana dos Pobos da nosa América (ALBA).
O MAEC informa que malia que o país non alcanza os niveis de violencia que existen noutros estados da rexión, a situación está a empeorar pouco a pouco coa aparición de novos delitos como o secuestro express ou os atracos a pasaxeiros de taxis.
Cooperación Internacional en Bolivia: A achega da Cooperación Galega
No ano 2006 o Goberno Boliviano elaborou o Plan Nacional de Desenvolvemento: Bolivia Digna, Soberana, Produtiva e Democrática para Vivir ben. Trátase dun plan quinquenal.
A Cooperación da AECID co Estado boliviano establécese no marco do III Plan Director da Cooperación Española 2009-2012, no que se fixa un ciclo de planificación de 4 anos que é desenvolvido a través do Documento Estratexia País (DEP) e a IX Comisión Mixta Hispano- Boliviana de cooperación 2006-2010, establecida e asinada no marco do Plan Nacional de Desenvolvemento do Goberno Boliviano (2006-2010).
No novo Plan Director da AECID, Bolivia figura como país de asociación ampla. Baseándose en información recentemente proporcionada por esta entidade en breve porase en marcha o proceso participativo de elaboración do Marco de Asociación Estratéxico co país para o período 2009-2012, o que equivale ao instrumento de programación por país ou novo Documento de Estratexia País
Bolivia é un dos 17 países prioritarios do I Plan Director da Cooperación Galega. A DXCE marca como un dos seus requisitos esenciais que todas as intervencións financiadas, executadas directamente, ou nas que se involucre a Cooperación Galega deben ter en conta as políticas de desenvolvemento do país.
A estratexia galega de cooperación en Bolivia ten como marco normativo a Lei Galega de Cooperación para o Desenvolvemento (Lei 3/2003 do 19 de xullo), o I Plan Director da Cooperación Galega 2006- 2009, e máis especificamente o Plan Actuación País (PAP) Bolivia 2008-2010, ademais da contribución ás Metas de Desenvolvemento do Milenio.
No PAP Bolivia sinálase que a situación de refundación do Estado que actualmente vive Bolivia, xunto cos mandatos asumidos na Declaración de París sobre a eficacia da axuda ao desenvolvemento, fan que a maioría dos axentes de cooperación que actúan neste país estean a levar a cabo unha recomposición das súas estratexias para acomodalas o máximo posible ás prioridades marcadas polo Goberno boliviano no PND e nos plans sectoriais.
Como sinala o PAP Bolivia, o ámbito xeográfico de actuación da cooperación galega no país centrarase en tres zonas específicas:
1. O Departamento de La Paz.
2. O Departamento de Santa Cruz, especialmente nas áreas periurbanas da cidade e na Mancomunidade de Municipios da Chiquitania.
3. O Departamento de Potosí, especialmente as áreas rurais do Departamento e na Mancomunidade de Municipios do Gran Potosí.
Proxectos vixentes
A DXCE subvencionou en Bolivia durante o 2008 6 proxectos de cooperación: 3 a través de ONGD vía convocatoria aberta e pública, e 3 mediante convenios.
Os proxectos seleccionados vía convocatoria aberta e pública foron presentados polas ONGD Asociación pola Paz e o Desenvolvemento, Fundación InteRed e Fundación Entreculturas Fe e Alegría.
Estes proxectos, aínda en desenvolvemento e con data de finalización no 2009, tiñan respectivamente os seguintes obxectivos principais: o fortalecemento da atención sanitaria nas comunidades El Molino, municipio Yocalla, e Keluyo, municipio Puna, no Departamento de Potosí; impulsar procesos de transformación social e educativa a través de propostas educativas comunitarias participativas e innovadoras e mediante a consolidación dun espazo radiofónico alternativo na zona sur da cidade de Cochabamba; e a implementación do Centro de Formación Permanente para Educadores San Ignacio de Loyola, en Santa Cruz de la Sierra.
Así mesmo, no 2008 asináronse 3 convenios de cooperación no país: Coa Honorable Municipalidade de Samaipata, coa Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e coa Facultade de Física (MERESE) da mesma Universidade, sobre: infraestrutura educativa e formación técnica en cultura e turismo; fortalecemento da administración descentralizada; e instalación solar mixta térmica e fotovoltaica para un albergue infantil docente e sanitario en Senkata- El Alto, respectivamente. 2 dos proxectos rematan no 2009, mentres que o asinado coa Facultade de Física culminou no 2008.
Bolivia recibiu o pasado ano o 8,17% do presuposto da DXCE para cooperación en terreo, que equivale a 766.535,00 euros, sendo o segundo país de América do Sur ao que se lle dotou dunha maior axuda. O país que lidera a lista é Perú, cun 13,32% sobre o total. A DXCE destinou á rexión de América do Sur o pasado ano o 25,84% do seu presuposto, que en total son 2.425.056,00 euros.