Noticias de Cooperación Gallega
18/03/2009
Xeral

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pon en marcha o programa ”Vacacións con traballo”

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, pon en marcha a cuarta edición do programa "Vacacións con traballo". Este proxecto, dirixido a profesionais da administración local galega, ten como obxectivo achegar a cooperación que se leva a cabo dende o Fondo Galego aos empregados públicos locais da Administración, e reforzar así a cooperación municipal.

O FOGACOSOL é unha asociación sen ánimo de lucro que xestiona unha importante parte da cooperación municipal galega. O único requisito imprescindible para poder participar nesta iniciativa é que o concello no que a persoa presta os seus servizos pertenza a dito Fondo municipalista.

As persoas seleccionadas traballarán durante un mes cos parceiros cos que o Fondo Galego desenvolve os seus proxectos. Os países de destino son Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú. Con esta iniciativa o Fondo promove a experiencia dos profesionais da administración local galega e o empoderamento dos seus parceiros nos países do Sur a través do traballo conxunto e o intercambio de coñecementos.

Este ano ofrécense as seguintes oportunidades: traballar na “Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos”. Esta entidade traballa na promoción, defensa, valorización e representación local dos 17 municipios de Cabo Verde. Outra opción é a que ofrece a “Oficina do Conservador de Santiago de Cuba”, institución que se encarga de conservar o patrimonio histórico-cultural e monumental da cidade. Por outra parte, o “Instituto de Promoción Humana (INPRHU)”, de Nicaragua, tamén acolle como parte desta iniciativa a persoal galego. Esta organización non gobernamental ten como obxectivo axudar ás comunidades máis desfavorecidas do interior do país a través de programas que integran os máis novos. Por último, “Tierra de Niños”, en Perú, recibirá tamén a traballadores locais. Esta institución persegue promover e fortalecer os dereitos fundamentais da infancia e dos mozos.

Para un mellor aproveitamento da estanza en terreo, a selección dos candidatos farase en base a uns perfís preferentes. Para Cabo Verde pídense persoas con coñecementos en organización e lexislación municipal; para Cuba traballadores que saiban de enxeñería eléctrica ou arquitectura; para Nicaragua persoas con habilidades en traballos manuais, teatro, turismo e saúde, informática ou xardinería; e por último, no caso de Perú, os interesados deben ter coñecementos en enxeñería informática, psicopedagoxía, turismo, administración ou economía. Asemade, na selección valorarase positivamente a vinculación co mundo da cooperación e o coñecemento do medio e país de destino.

Testemuñas de convocatorias anteriores

"Vacacións con traballo" celebra este ano a súa cuarta edición. No ano 2008 participaron neste programa 3 profesionais galegas procedentes dos concellos de A Coruña e Nigrán, así como da Deputación de Lugo.

Inmaculada Diego, responsable técnica do Servizo de Atención ao Inmigrante e Emigrante Retornado da Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Nigrán visitou Cabo Verde e incorporouse ao Instituto gobernamental de Cabo Verde para a Igualdade e Equidade de Xénero (ICIEG).

Como relata no texto que segue, a súa estanza foi dunha grande utilidade para o país de destino:

“Así, tendo en conta as principais liñas de traballo que están a seguir para os próximos meses, elaborei un expediente de lexislación española e dalgúns documentos de traballo. A partir destes puiden aprehender as boas prácticas que se están a desenvolver en España e adaptalas á realidade caboverdiana, fundamentalmente as relacionadas co tema da violencia de xénero, e que poden ser útiles nun prazo inmediato, xa que forman parte do conxunto de actuacións que están contempladas no seu plano de traballo”.

Susana Maceiras, responsable e asesora do Departamento de Benestar Social, Xuventude e Igualdade da Deputación de Lugo viaxou a Nicaragua para traballar co INPRHU, a primeira ONG de Nicaragua, fundada en 1966:

“(...): o termo que mellor define o programa Vacacións con Traballo é, sen dúbida, “oportunidade”. Oportunidade como profesional, tanto en canto complementa a túa formación; oportunidade para o parceiro, ofrecéndolle persoal de apoio con experiencias diferentes; pero, sobre todo, unha oportunidade no persoal, co intercambio de vivencias, culturas e realidades”.

Por último, Chus Gutiérrez, educadora social no Departamento de Servizos Sociais, Atención Primaria, no concello de A Coruña, visitou Perú, incorporándose a Terra de Nenos.

“A verdade é que esta experiencia, para min, supuxo unha bafarada de aire fresco e unha maior confianza nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento, xa que puiden comprobar como se xustifican todos os movementos económicos e como se trata de aforrar o máximo, de non desperdiciar nada. Antes tiña a impresión de que moitos dos cartos quedaban polo camiño e non chegaban a onde máis os necesitaban, pero puiden comprobar que, cando menos con “Tierra de Niños”, non é así”.

Prazos e disponibilidade

"Vacacións con traballo" é unha boa opción para aqueles traballadores da administración local galega que desexen entrar en contacto coa cooperación ao desenvolvemento. O parceiro faise cargo dos gastos de aloxamento e manutención, mentres que o Fondo Galego cubre os custos da viaxe dende Galicia ata o lugar de destino.

A data de participación pode ser en calquera mes do ano. A súa elección farase baseándose nas prioridades do participante e do persoal de acollida. O prazo para presentar as solicitudes finaliza o próximo 17 de abril do 2009.