Serie países prioritarios da Cooperación Galega. África: Mozambique
A República de Mozambique localízase no sur leste de África, as beiras do Océano Índico. A superficie deste país é de 799.380 km², e a súa poboación total, segundo datos do ano 2006 do Fondo de Nacións Unidas ascende a 20.200.000 habitantes. A capital de Mozambique é a cidade de Maputo, onde radican 1.660.900 persoas, segundo información do ano 2004 proporcionada polo Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación de España (MAEC).
No país conviven diferentes grupos étnicos. O portugués é a lingua oficial, que coexiste con numerosas linguas africanas. Unha porcentaxe importante da súa poboación profesa crenzas tradicionais, ao que se suma un importante grupo de cristiáns, ao redor de 5 millóns de persoas, e un grupo de musulmáns, preto de 4 millóns de cidadáns.
O réxime de goberno de Mozambique é de República Presidencialista, cun lexislativo unicameral. As eleccións ao Parlamento, denominado Asemblea da República, celébranse cada 5 anos. A elección presidencial efectúase coa mesma periodicidade.
Mozambique é un dos países do mundo con máis baixo Índice de Desenvolvemento Humano (IDH), ocupa o lugar 172 dunha lista de 177 países (2007). En 1975, ano en que tivo lugar a independencia deste país de Portugal, entre o 85 e o 95% da súa poboación adulta non sabía ler nin escribir. A principios dos anos 80 traballouse moito na alfabetización dos adultos. A UNESCO informa que en 1995 a porcentaxe de analfabetismo descendera ata o 59,9%.
Historia recente e actualidade
O proceso de colonización de Mozambique por parte de Portugal empezou no século XVI na costa, e desde finais do XIX no interior do territorio. A rebelión aberta contra o colonialismo no país foi posterior ás de Angola e Guinea Bissau. O FRELIMO (Fronte de Liberación de Mozambique) empezou as súas actividades o 25 de febreiro de 1964.
Mozambique alcanzou a súa independencia en 1975. Os acordos de Lusaka de 1974 fixaron para o 25 de xuño de 1975 a data da independencia e estableceuse a formación dun goberno mixto (Portugal FRELIMO) de transición.
Paralelamente ao proceso de independencia, empezaba no país unha guerra civil entre o FRELIMO e o RENAMO (Movemento Nacional de Resistencia de Mozambique, NMR ou RENAMO desde 1980).
Pouco tempo despois, en 1977, O FRELIMO definiu a súa ideoloxía marxista - leninista, e asinou un tratado de amizade e cooperación coa Unión Soviética. Dende que alcanzou a súa independencia Mozambique viviu baixo a constante presión do réxime de Sudáfrica, ben por unha política de estrangulamento económico ou por agresións directas e apoio militar á guerrilla de RENAMO.
O ano de 1991 é clave na historia do país, xa que se promulgou a lei de partidos políticos e a Asemblea da República aprobou unha serie de leis sobre a liberdade de asociación e de reunión, de independencia dos medios de comunicación, de restrición dos poderes dos servizos de seguridade do Estado, de independencia do Poder Xudicial e de liberación económica.
En outubro de 1992 asinouse en Roma o Acordo Xeral de Paz Final. O conflito armado entre RENAMO e FRELIMO sumaba dende os seus inicios xa un millón de vítimas civís e un éxodo de máis de seis millóns de persoas aos países fronteirizos.
A embaixada de España en Maputo informa que tras os Acordos de Paz de Roma o país iniciou un difícil proceso de transición que hoxe pode considerarse concluído con éxito. O pluralismo político estableceuse co apoio de ONUMOZ (Operación de Nacións Unidas para Mozambique). Ademais adoptouse unha Lei Electoral, creouse unha Comisión Nacional de Eleccións e levouse a cabo o Censo Electoral.
As primeiras eleccións presidenciais multipartidistas que se celebraron desde o final da guerra civil tiveron lugar a finais de outubro de 1994, e deron o triunfo a Joaquín Chissano do FRELIMO, partido que tamén obtivo un maior número de votos nas eleccións lexislativas. As Nacións Unidas, a Unión Europea e a Organización para a Unidade Africana declararon as eleccións libres e xustas. En decembro de 1999 o presidente Chissano e o seu partido FRELIMO foron de novo os gañadores. No 2004, Armando Guebuza, tamén do FRELIMO, foi elixido presidente. Guebuza prometeu unha política de loita contra a corrupción, o crime, e a pobreza. As próximas eleccións presidenciais están previstas para decembro do 2009.
A Diplomacia española defende que a historia recente de Mozambique constitúe un inmellorable exemplo de reconciliación tras unha guerra civil, e de transición á democracia desde un réxime de partido único. Mozambique xoga un importante papel a nivel rexional. Sublíñase que sen dúbida a principal causa é o prestixio gañado polos líderes mozambicanos ao conseguir levar a cabo con éxito a transición á democracia e a reconciliación trala guerra civil.
Cooperación Internacional en Mozambique: A achega da Cooperación Galega
A República de Mozambique ten como guías da súa política de desenvolvemento o PARPA (Plan de Acción para a Redución da Pobreza Absoluta), e os Obxectivos do Milenio das Nacións Unidas. En maio do 2006 aprobouse a segunda edición do PARPA que define a política do Goberno neste eido para o período 2006-2010.
Mozambique é un dos países do mundo que máis apoio recibe da comunidade internacional, non só destaca pola cantidade de Axuda Oficial ao Desenvolvemento que recibe, senón tamén polo tipo da axuda. A República de Mozambique dispón dunha porcentaxe elevada de axuda en concepto de apoio directo ao Orzamento. A embaixada de España en Maputo informa que a comunidade de doantes contribúe directamente ao Orzamento do Estado por un montante equivalente ao 50% do total de cada ano, a través do chamado G-17, foro que integra a 17 donantes, e que coordina as achegas realizadas en réxime de apoio directo ao Orzamento, no marco dun diálogo multilateral co Goberno de Mozambique.
No que se refire á cooperación da Unión Europea esta ten os obxectivos xerais da política comunitaria de Cooperación ao Desenvolvemento sinalados no artigo 177 do Tratado da Unión Europea, ratificados no artigo 1 do Acordo de Cooperación entre os países ACP (África, Caribe e Pacífico) e a Unión Europea, asinado en Cotonou o 23 de xuño do ano 2000.
En España, a cooperación da AECID co Estado mozambicano está contemplada no III Plan Director da Cooperación Española 2009-2012, e no Documento Estratexia País (DEP). En xuño de 2005 asinouse o Memorando de Entendemento da VI Comisión Mixta, que establece como prioridades para os anos 2005-2008 a saúde, o apoio ao fortalecemento da Administración Municipal, e a Formación Profesional. A principal novidade deste Memorando é a entrada de España no G-17.
En canto a Galicia, Mozambique é un dos 17 países prioritarios do I Plan Director da Cooperación Galega. Este Plan supón unha clara aposta polas políticas de redución da pobreza e pola optimización na xestión dos recursos dedicados a tales fins. Ademais, a DXCE da Xunta de Galicia dispón dun Plan Actuación País (PAP) 2008 - 2010 que lle permite facer máis eficiente o seu traballo en Mozambique.
A comunidade de donantes afirma que na última década Mozambique conseguiu unha redución no seu índice de pobreza absoluta, o que vincula de xeito directo co apoio que recibe da comunidade internacional, pero tamén recoñece o dinamismo da economía do país, cuxo PIB creceu a taxas anuais superiores ao 7%.
Por outra banda, Vincent Bertout no Estado del mundo 2009 informa que a pobreza no país foi en aumento por mor das catástrofes naturais e debido ao contexto económico internacional.
Programas e proxectos vixentes
Mozambique é o segundo país africano que recibiu máis axuda nesta lexislatura da cooperación galega. A meirande parte das accións financiadas neste país foron dirixidas a servizos sociais básicos, educación e saúde, cunha especial atención a VIH/SIDA, así como a temas de soberanía alimentaria.
A DXCE da Xunta de Galicia destinou ao país entre o 2006 e o 2008 un total de 1.469.245 € do seu orzamento, que equivale ao 6,21% da AOD galega da DXCE en terreo para dito período. No ano 2008, recibiu 723.082 €, esta cantidade foi dirixida a tres proxectos financiados pola DXCE: dous de educación e un de formación e promoción do turismo; e tres proxectos máis co apoio doutros departamentos da Xunta de Galicia: dous de desenvolvemento acuícola e pesqueiro e outro de fortalecemento da sociedade civil, concretamente de empoderamento da muller.
A isto hai que sumar que na actualidade está en fase de identificación neste país africano unha das iniciativas máis ambiciosas da cooperación galega, que ten como destino a Provincia de Cabo Delgado, unha das máis empobrecidas de Mozambique. Esta actuación ten como obxectivo principal o desenvolvemento dun programa de abastecemento e saneamento de auga no sector rural.
A provincia de Cabo Delgado sitúase na parte máis setentrional do país, cunha superficie de 82.625 km² e 300 km de liña costeira. A súa poboación é de aproximadamente 1,6 millóns de habitantes (2007).
Nesta intervención participa un equipo multidisciplinar. As sinerxías deste programa, no que colabora a Direcçãou Provincial dás Obras Públicas e Habitaçãou (DPOPH) de Mozambique, a AECID, a Universidade da Coruña, e consultores expertos de gran traxectoria en Galicia en temas de auga, achéganlle un gran valor e aseguran a súa viabilidade.