Noticias de Cooperación Gallega
02/04/2009
Xeral

Touriño recibe en audiencia á embaixadora de Haití en España e destaca que este país se converteu en prioritario dentro da acción exterior da Xunta

O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño recibiu hoxe a Yolette Azor-Charles, embaixadora de Haití en España, que está de visita oficial no noso país, nunha viaxe organizada polo Ministerio de Exteriores dese país e a Conferencia Eurocentroamericana. No encontro deste mediodía tamén participaron David Balsa, presidente da Conferencia Eurocentroamericana, e Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior.
Durante a xuntanza, o titular do Goberno galego en funcións explicoulle á embaixadora e ao presidente da Conferencia Eurocentroamericana que nesta lexislatura Haití se converteu en país prioritario das accións do Executivo autonómico no exterior. De feito, así se establece no I Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento, que recolle un grande esforzo institucional por colaborar con este país.
Dado que a historia recente de Haití está marcada polas sucesivas crises internas, golpes de estado, episodios violentos e insurreccións populares, a Xunta de Galicia considerou prioritario colaborar no desenvolvemento social e na consolidación da democracia, claves para o futuro deste país.
Así, aos esforzos de reconstrución levados a cabo pola comunidade internacional sumouse a cooperación galega, cun incremento considerable da Axuda Oficial ao Desenvolvemento que pasou dos 20.000 euros no período 2003-2005 aos 607.693 euros no período 2006-2008.

Proxectos financiados polo Goberno galego
A Xunta de Galicia, a través da dirección Xeral de Cooperación Exterior, puxo en marcha nos meses de abril e xuño do 2008 un Programa de Desenvolvemento Pesqueiro. Fíxose unha análise dos principais problemas aos que se enfronta o sector pesqueiro do país e as oportunidades que presenta, con catro eixes intervención: marco legal e institucional, aspectos socioeconómicos, comercialización e promoción de produtos pesqueiros e xestión pesqueira.
Por outra banda, co obxectivo de paliar os graves danos materiais e perdas humanas provocados polos furacáns Gustav, Hanna e Ike, no último trimestre de 2008 púxose en marcha a dotación de ferramentas e equipamentos para a mellora da calidade de vida dos pescadores do sueste de Haití e das súas familias.
Ademais, en 2008 subvencionáronse diversos proxectos con cargo á convocatoria de axudas a proxectos de cooperación no exterior promovidos polas ONGD e destinados principalmente ao apoio ao sector do café e á posta en marcha dun centro de Desenvolvemento Comunal en Haut Palmiste (Illa Tartaruga).
Agradecemento pola cooperación da Xunta
Durante o encontro, a embaixadora de Haití en España agradeceulle a Pérez Touriño o reforzo da cooperación exterior de Galicia con Centroamérica ao longo desta lexislatura.
Neste agradecemento tamén afondou o presidente da Conferencia Eurocentroamericana quen destacou, ademais, que a nosa comunidade xogou un papel crecente nos últimos catro anos en toda a rexión de Centroamérica-Caribe grazas á nova acción exterior impulsada desde a chegada de Emilio Pérez Touriño á Presidencia da Xunta.
David Balsa comunicoulle ao presidente galego en funcións que os investimentos de Galicia na rexión en sectores como o pesqueiro, o téxtil, os servizos, a construción e o enerxético, xa empezan a dar resultados con perspectivas moi prometedoras tamén nas áreas turísticas e pesqueiras. Tamén lle explicou que esta colaboración permitiu establecer redes de colaboración entre empresarios de Galicia e emigrantes galegos en Centroamérica e Caribe para impulsar o comercio nas dúas direccións.
Segundo destacou David Balsa, a súa visita e a da embaixadora de Haití a Galicia pretende facer público o recoñecemento ao compromiso persoal e ao esforzo permanente mantido polo presidente Touriño coa República de Haití, en particular, e cos estados centroamericanos e caribeños, en xeral. Así mesmo, o presidente da Conferencia Eurocentroamericana adiantoulle ao titular da Xunta en funcións que varios dos embaixadores centroamericanos en España lle teñen solicitado nas distintas xuntanzas da Conferencia Eurocentroamericana celebradas nos últimos meses, que lle trasladase a Pérez Touriño o agradecemento dos seus respectivos gobernos.
Conferencia Eurocentroamericana
A Conferencia Eurocentroamericana é un proceso de diálogo político que se iniciou no ano 2002 entre os estados de Centroamérica e o Caribe e a Unión Europea con participación das principais institucións centroamericanas (Parlamento Centroamericano, Sistema de Integración Centroamericana , Banco Centroamericano de Integración Económica, etc.) e europeas (Parlamento Europeo, Comisión Europea, Consello da UE, etc.). Este diálogo político abrangue as áreas política, comercial e cultural e estrutúrase en conferencias intergobernamentais periódicas (Sevilla 2003, Tenerife 2004, Las Palmas 2005, Palencia 2007, etc.) así como en visitas oficiais e reunións bilaterais e multilaterais sobre temas sectoriais.