Serie países prioritarios da Cooperación Galega. América Central: O Salvador
O Salvador é o país máis pequeno de Centroamérica e de toda a América Hispana, a súa superficie é de 21.040 km.², o que fai que sexa denominado cariñosamente como "o pulgarcito de América". Limita ao Norte e ao Leste con Honduras, ao Oeste con Guatemala e ao Sur co Océano Pacífico. Ao Leste, no Golfo de Fonseca, onde posúe 9 illas, ten tamén fronteira marítima con Nicaragua.
O país está situado nunha zona de alto risco sísmico e volcánico. O clima é tropical, con dúas estacións, a época seca, chamada verán, que vai de novembro a maio, e a época de chuvias, chamada inverno, de maio a outubro.
Segundo datos do ano 2005 proporcionados polo Banco Mundial, O Salvador ten unha poboación de 6.900.000 habitantes. A esta cifra hai que engadir ao redor de 2.5 millóns de salvadoreños que viven fóra do país, especialmente en Estados Unidos. O país posúe a densidade de poboación máis alta de todo o continente. En torno ao 60% da súa poboación é urbana. A pobreza afecta principalmente ás áreas rurais. Arredor dun 94% da poboación do Salvador é mestiza, o 5% indíxena, e o 1% restante o integran brancos de orixe europeo.
A lingua oficial do país é o español, e a relixión maioritaria é a católica, aínda que nos últimos anos tense estendido moito outras confesións cristiás non católicas, como é o caso da evanxélica.
Un dos problemas máis preocupantes do país é o da violencia, a media de homicidios diarios é unha das máis altas do continente. O Salvador, segundo o Informe de Desenvolvemento Humano ocupa o lugar 103 dun total de 177 países (ano 2007), o seu IDH é de 0,735. A media do mundo é de 0,743 e a dos países menos avanzados de 0,488. A media de América Latina e o Caribe é de 0,803.
Historia recente e actualidade
En O Salvador acaba de acontecer un feito dunha grande importancia histórica, xa que nas últimas eleccións presidenciais, celebradas o pasado 15 de marzo, resultou vencedor o xornalista Mauricio Funes, líder do ex guerrilleiro Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), tras dúas décadas no poder da dereitista Alianza Republicana Nacionalista (ARENA).
Mauricio Funes non é un dirixente histórico. O significativo deste cambio radica en que ambos os dous partidos representan correntes políticas opostas, o que debería significar o inicio dunha nova aliñación do país. ARENA é de orixe ultra dereitista e de ideoloxía económica neoliberal, mentres que o FMLN é de orixe marxista - leninista. Segundo diferentes fontes, ARENA foi fundada nos anos 80 para combater a insurxencia do FMLN, formado por diferentes agrupacións de esquerda nesta mesma década.
Nas eleccións de 1989, a formación ARENA, liderada polo empresario banqueiro Alfredo Cristiani, fíxose co goberno de O Salvador. Dende entón estiveron no poder ata a data, en total durante 4 períodos de goberno.
Despois dunha guerra que comezou en 1980 e na que morreron máis de 75.000 persoas, con preto de 8.000 desaparecidos, en xaneiro de 1992 Cristiani asinou un armisticio coa guerrilla do FMLN. Os Acordos de Paz de Chapultepec (México), asináronse en 1992, e significaron o fin de 12 anos de conflito armado. No presente todo apunta a que a transición á democracia no país está a ter éxito, e O Salvador pode presumir de ter avanzado moito en pouco tempo na súa estabilidade. Foi a partir destes Acordos que o FMLN se converteu en partido político.
A sociedade salvadoreña está moi polarizada politicamente entre as dúas tendencias que se enfrontaron coas armas, polo que é moi importante traballar en cultura de paz e resolución pacífica de conflitos no país. A reconciliación nacional é crucial, e todo apunta a que O Salvador pode superar esta dificultade á que se enfronta con éxito.
No país a violencia segue sendo unha preocupación grave, especialmente as denominadas "maras", que son grupos de mozos criminais. O Salvador ten unha alta dependencia económica das transferencias de fondos dos emigrantes, na súa maioría residentes en Estados Unidos, e das industrias de montaxe, comunmente denominadas maquías.
No 2001 houbo dous graves terremotos no país que ocasionaron numerosas mortes, deixaron miles de persoas sen fogar e cuantiosos danos materiais.
É importante destacar, como se indica no Plan Actuación O Salvador 2008-2010, que a agresión contra o medio ambiente no país é preocupante, con elevados índices de deforestación, perdas de biodiversidade, erosión do chan e contaminación. A urbanización está a ser rápida e desordenada, converténdose nun verdadeiro problema a xestión de residuos sólidos.
Cooperación Internacional en O Salvador: A achega da Cooperación Galega
O Salvador non conta cun plan ou estratexia a longo prazo para combater a pobreza, a desigualdade e a exclusión polo que a política neste ámbito obedece ás directrices do goberno.
A Unión Europea (UE) dispón dun Documento Estratexia para O Salvador para o período 2007-2013, no que figuran as liñas de acción desta asociación económica e política no país en materia de cooperación.
O Salvador é obxectivo prioritario da Cooperación Española. A cooperación con O Salvador réxese polo establecido na vixente Comisión Mixta Hispano – Salvadoreña para o período 2006 – 2009; no marco do recentemente aprobado III Plan Director da Cooperación Española 2009- 2012, O Salvador pasa a ser considerado país de Asociación Ampla, dentro do grupo de países socios que concentrarán 2/3 da AOD española en terreo.
O Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) tamén dispón dun documento Estratexia País co O Salvador 2005-2009, e o PNUD para o período 2007-2011.
Como se expresa no I Plan Director 2006-2009 da Cooperación Galega, O Salvador é un país prioritario das accións neste ámbito da Xunta de Galicia. Da rexión Centroamérica e o Caribe, foi neste país onde a cooperación galega aportou máis no período 2006-2008: 1.416.946,24 euros. La Dirección Xeral de Cooperación Exterior dispón dun Plan Actuación O Salvador 2008-2010.
Programas e proxectos vixentes
No 2008 O Salvador foi o segundo país receptor de AOD galega en Centroamérica. O principal destino da axuda galega no 2008 nesta rexión foi Guatemala. O pasado ano a DXCE comprometeu o apoio a 4 proxectos en O Salvador, o que implicou unha dotación de 550.167 euros. Esta axuda representa o 5,86% da AOD en terreo proveniente da DXCE para o ano 2008. Estes 4 proxectos son de carácter plurianual e dous deles encóntranse na súa segunda fase.
Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) executa xunto á asociación local Fundación para a Cooperación e o Desenvolvemento Comunal, a segunda fase dun proxecto centrado no fortalecemento asociativo de cinco cooperativas pesqueiras, con especial atención ao establecemento dun plan de extracción sustentable e á protección do medio ambiente. A iniciativa ten como beneficiarias indirectas 8 comunidades da desembocadura do Baixo Lempa. A primeira fase deste proxecto empezou no 2007. Nesta segunda intervención continuarase coa capacitación sobre a extracción, manipulación, procesamento e comercialización. Entre as actividades que van desenvolver cabe destacar a construción dunha planta de procesamento de peixe, e o traballo de sensibilización en centros escolares.
Por outra parte, en quince comunidades rurais dos Departamentos de San Salvador e La Libertad, Educación Sen Fronteiras desenvolve a segunda fase dun proxecto tamén iniciado no 2007, encamiñado a reforzar o proceso educativo de UCRES, o parceiro local. Este proxecto inclúe a mestres e mestras rurais, así coma aos grupos de pais e nais.
O Instituto Sindical de Cooperación ao Desenvolvemento (ISCOD-UGT) en colaboración co socio local, a Asociación Nacional de Traballadores Agropecuarios (ANTA), desenvolve un proxecto de formación sindical en liderado e organización, e de formación técnica de dirección e xestión. Esta iniciativa pretende potenciar a capacidade técnica e organizativa da organización campesiña ANTA para a recuperación do seu poder de negociación e incidencia. Este proxecto desenvolverase en 9 dos 14 departamentos do país.
Por último, Farmacéuticos Mundi desenvolve un proxecto de mellora das condicións socio - sanitarias en dous cantóns e cinco comunidades do Municipio de Chalchuapa, Departamento de Santa Ana, na rexión occidental de O Salvador, mediante o fortalecemento da atención primaria en saúde e a ampliación do servizo de abastecemento de auga potable. O parceiro é a Asociación Salvadoreña Promotora da Saúde (ASPS).
É importante destacar que O Salvador é un dos países beneficiarios do Programa de Formación para a Pesca Artesanal en Centroamérica (PROFOPAC), que actualmente se está a implementar na rexión e que se estrutura en tres actuacións fundamentais: Reforzo institucional, apoio aos pescadores artesanais e formación de formadores. A riqueza deste Programa radica na multiplicidade de actores que interveñen: A Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola del Istmo Centroamericano (OSPESCA) é o actor - executor fundamental, que á súa vez é participada polas administracións nacionais dos países centroamericanos; con financiamento da DXCE e de AECID. Como actores colaboradores cabe destacar á Confederación de Pescadores Artesanais de Centroamérica e ao Centro Tecnolóxico do Mar. Este programa leva dous anos en marcha e ten como data de finalización prevista finais do ano 2009.