A DXCE destina máis de 3 millóns de euros para a execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior (DXCE) notifica a subvención con 3.361.365,0 millóns de euros a 21 ONGD e outros axentes de cooperación para o desenvolvemento de 25 proxectos de cooperación en 11 países de América Latina, África e Asia no 2009. Queda así adxudicado o primeiro capítulo da Resolución do 30 de decembro de 2008 para o desenvolvemento de proxectos de cooperación para ONGD e outros axentes, fortalecemento e sensibilización.
Os proxectos que foron aprobados se desenvolverán nalgún dos países prioritarios da cooperación galega, recollidos no I Plan Director 2006-2009. Os países prioritarios nos que se van executar as iniciativas son: Guatemala, Honduras, El Salvador, Nicaragua, Cuba, Haití, Ecuador, Perú, Bolivia e Angola.
As accións beneficiarán de xeito directo a un total de 250.000 persoas, ás que se suman os beneficiarios indirectos das actuacións. As iniciativas están focalizadas en diferentes sectores, como: saúde, educación básica e superior, seguridade alimentaria, pesca, economía social/cooperativa, auga e saneamento, empoderamiento das persoas, dereitos humanos e medio ambiente.
A maior parte da concesión, en torno a 3 millóns de euros, foi adxudicada, como se determina na resolución da convocatoria, para proxectos a ONGD. A cantidade restante tivo como destino a outros axentes da cooperación, como universidades, sindicatos, empresas e comunidades galegas no exterior.
Todos os proxectos son de carácter bianual, con data de inicio non previa ao 2 de xaneiro do 2009 e con data de finalización anterior ao 31 de outubro do 2010.
Nos últimos anos tivo lugar un incremento progresivo do importe medio das actuacións subvencionadas pola DXCE, pasando dunha media de 91.625 euros por proxecto no ano 2006, a 134.454 euros no 2009, que equivale a un aumento de máis do 45% por proxecto. Isto evidencia unha mellora na calidade das iniciativas presentadas e unha aposta por impactos maiores.
Este ano, a axuda concedida a ONGD e outros axentes para o desenvolvemento de proxectos de cooperación equivale ao 30,24% sobre o presuposto da DXCE para AOD no ano 2009, que é de 11.114.164 euros.
No 2008 a DXCE puxo en marcha dúas novas ferramentas para o desenvolvemento de proxectos de cooperación no exterior a instancias de ONGD con sede permanente ou delegación en Galicia: a convocatoria de programas e a de microproxectos. Estas estratexias de cooperación sumábanse ás xa existentes: proxectos, fortalecemento, e sensibilización.
Os programas promoven accións en terreo de alto calado, apoian procesos de transformación integrais a través do financiamento de actuacións a tres ou catro anos. Por outra parte, a través da convocatoria de microproxectos apóianse pequenas iniciativas de cooperación en países en vías de desenvolvemento. Esta ferramenta é óptima para ONGD recentemente integradas no sector galego da cooperación.
Fortalecemento e sensibilización en cooperación
Nos vindeiros días a DXCE dará a coñecer a adxudicación das axudas para actividades formativas e de sensibilización, así como para consolidación e fortalecemento de ONGD. Neste caso os proxectos aprobados desenvolveranse na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedarán así resoltos o capítulo II e III da Resolución anteriormente mencionada con cargo ao ano 2009.