Serie países prioritarios da cooperación galega. Caribe: República Dominicana
A República Dominicana está situada na parte oriental da illa La Española, nas Grandes Antillas, localizada no Mar Caribe, da que ocupa aproximadamente 2/3 partes da súa superficie. O resto da illa, a parte occidental, é territorio de Haití. A República Dominicana limita ao norte co Océano Atlántico, ao sur co Mar Caribe, ao leste coa Canle da Mona, que separa a República Dominicana de Puerto Rico, e o oeste con Haití.
A poboación total do país é de máis de 9 millóns de habitantes (Banco Mundial 2006), e sobresae que a súa poboación é moi nova. Santo Domingo, a capital, e Santiago dos Cabaleiros, son as dúas cidades con máis habitantes da República.
A lingua oficial é o español, e a maioría da poboación é católica, se ben nos últimos anos as igrexas evanxélicas han aumentado a súa presenza. A poboación é principalmente mestiza.
A superficie do país é de en torno a 48.745 km². Esta illa caribeña é de territorio montañoso, e conta ademais con 1.500 km. de costa.
A República Dominicana é un país de desenvolvemento medio. Foi o país de América Latina cunha maior taxa de crecemento ao longo dos últimos 50 anos, algo que non obstante non se viu reflectido nos seus niveis de desenvolvemento social para o conxunto da súa poboación. Isto débese principalmente á desigual repartición da riqueza que existe ao interior do país. En canto ao seu Índice de Desenvolvemento Humano, a República Dominicana ocupa o lugar 79 dun total de 177 países (2007-2008).
Historia recente e actualidade
A República Dominicana é hoxe unha das principais economías da rexión Centroamericana e Caribe. Tamén é un país estable politicamente. A partir de mediados dos 90 iniciou o proceso de consolidación da súa democracia. O seu sistema político multipartidista conta na actualidade cun aceptable nivel de lexitimidade.
Na década dos 90 o país viviu un período de rápido desenvolvemento, que se interrompeu nos anos 2003 e 2004 a causa dunha aguda crise económica xerada en gran parte polo colapso de varias institucións financeiras. Non obstante, o crecemento económico experimentado nos anos 90 non resultou nunha mellora proporcional do benestar para o conxunto da poboación do país. Unha das principais causas é que existe unha repartición desigual da riqueza. O índice de desigualdade medido polo Coeficiente de Gini é de 51,6 (Informe de Desenvolvemento Humano 2007-2008), o que indica que un 51,6% da renda total do país debería ser redistribuída para ter unha renda per cápita igualitaria entre todos os seus habitantes.
En agosto do ano 2004 Leonel Fernández fíxose coa presidencia do país á fronte do Partido da Liberación Económica (PLD). Leonel Fernández defendía unha política de austeridade e rigor no manexo da economía. Conseguiu estabilizar a crise e continuar o crecemento.
Fai case un ano, en maio do 2008, Leonel Fernández foi reelixido para un terceiro mandato á fronte do executivo. Fernández fora presidente durante os seguintes períodos: de 1996 a 2000 e de 2004 a 2008.
Durante mandato de Fernández, no 2004, a República Dominicana asinou o Tratado de Libre Comercio de Centroamérica e República Dominicana cos Estados Unidos (DR-CAFTA), e conta cun acordo de Asociación Económica coa Unión Europea por tratarse dun país ACP (África, Caribe, Pacífico).
O turismo é a principal fonte de ingresos do país. Por outra parte, o tráfico de drogas segue crecendo, o que repercute no aumento da violencia.
A República Dominicana segue sendo un país vulnerable tanto ás crises económicas coma ás catástrofes naturais.
Jean-Michel Caroit defende en El Estado do mundo 2009, que o PLD recuperou unha parte do electorado reformista grazas ao clientelismo, e pasou da esquerda ao centro dereita.
Cooperación Internacional na República Dominicana: A achega da Cooperación Galega
A nivel europeo, o Acordo de Cotonú, asinado no ano 2000, ofrece o marco xeral actual das relacións entre a Unión Europea e os 79 países de África, o Caribe e o Pacífico (países ACP), entre os que se encontra a República Dominicana. Ademais, a UE dispón dun Documento Estratexia para a República Dominicana para o período 2008-2013, que define as prioridades de cooperación desta asociación co país caribeño.
Respecto a España, en xuño do 2005 asinouse en Madrid a Acta da VI Comisión Mixta Hispano-Dominicana de Cooperación. Está prevista a firma da VII Comisión Mixta en maio do 2009. Este acordo fixa o marco concreto de actuación da cooperación bilateral entre España e a República Dominicana.
O novo Plan Director da cooperación española 2009-2012, define a República Dominicana como un país de Asociación ampla (Grupo A). Este tipo de asociación a AECID establécea con Países Menos Adiantados, Países de Baixo Ingreso ou Países de Renda Media Baja, nos que existen oportunidades, para establecer un marco de asociación a longo prazo, baseado nos principios de eficacia da axuda, que permita a canalización de elevados volumes de AOD e o uso dun amplo espectro de instrumentos. Os países do Grupo A serán os principais receptores dos recursos da AOD española. A AECID está pendente de elaborar conxuntamente coa República Dominicana o Marco de Asociación, evolución dos anteriores procesos de planificación Documentos de Estratexia País (DEP) e PAE.
A nivel autonómico, o Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 recoñece a República Dominicana como país prioritario das súas accións. Está pendente por parte da DXCE o desenvolvemento dun Plan de Actuación para a República Dominicana que especifique os obxectivos e a estratexia de acción da cooperación galega no país.
A República Dominicana foi o país do Caribe que recibiu máis apoio da cooperación galega o pasado ano, e o terceiro tendo en conta a toda a rexión de América Central e Caribe, cunha axuda de 535.036,00 euros.
Programas e proxectos vixentes
Na actualidade a DXCE da Xunta de Galicia desenvolve no país unha importante iniciativa, o Programa Integral de Avance do barrio Santa Lucía-La Mosca. Este barrio localízase xunto ao vertedoiro de Rafey da cidade de Santiago dos Cabaleiros, polo que enfróntase a graves problemas ambientais e de saúde á súa poboación.
Os beneficiarios deste programa son 489 familias da poboación: 2.445 homes e mulleres, e os traballadores informais do vertedoiro (segregadores, chamados mergulladores en linguaxe coloquial), estimado este grupo en 500 persoas, aínda que varía moito dependendo da época do ano e das opcións de emprego na cidade.
Este programa integral naceu como unha iniciativa do concello de Santiago dos Cabaleiros, que solicitou axuda á DXCE para mellorar a área de influencia do Eco Parque de Rafey. A Xunta de Galicia conta cunha expatriada no terreo, Lucía López, que é a coordinadora do programa, e radica no concello de Santiago dos Cabaleiros.
A actuación ten unha duración prevista de tres anos. Empezou a executarse en xullo do 2008, e traballa sobre catro compoñentes:
- Auga, saneamento e habitabilidade.
- Saúde comunitaria.
- Formación profesional e desenvolvemento productivo.
- Fortalecemento da sociedade civil.
Este programa potencia as sinerxías xa que conta coa colaboración de diferentes actores. A DXCE e o Concello de Santiago dos Cabaleiros son os codirectores do Programa.
A ONGD española Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), xunto coa su contraparte dominicana la Junta de Asociaciones Campesinas "Rafael Fernández Domínguez" (JACARAFE), executan o compoñente de auga, saneamento e habitabilidade, no que tamén participa a empresa pública de augas Corporación del Acueducto y Alcantarillado de Santiago (CORAASAN).
O traballo sobre a saúde comunitaria está sendo executado pola entidade dominicana Fundación de Desarrollo Loma y Salud (FUNDELOSA), en coordinación con Salud Pública, Seguro Nacional de Salud (SENASA) e o Hospital Periférico de Cienfuegos.
A Cámara de Comercio y Producción de Santiago ocúpase da formación profesional e do desenvolvemento productivo.
A organización dominicana Fundación Solidaridad executa as accións referentes o fortalecemento da Sociedade Civil.
Por outra parte, a Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) desenvolve no país co apoio da cooperación galega un proxecto de mellora das condicións de vida e prevención de desastres naturais, con especial incidencia na igualdade de xénero, no concello de Santo Domingo Leste. Os beneficiarios deste proxecto son 5.799 habitantes do Barrio de Puerto Rico e 3.200 do barrio de La Barquita. O parceiro é a asociación Tú, Muller. Este proxecto bianual ten como fecha prevista de finalización a finais de outubro do 2009.