A Xunta destina 150.000 euros a subvencionar microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de aprobar a convocatoria dunha liña de subvencións adicada a financiar microproxectos no exterior que se canalizarán a través das Organizacións Non Gubernamentais de Desenvolvemento (ONGD).
A orde conta cunha dotación orzamentaria de 150.000 euros e o importe máximo de subvención para cada proxecto é de 25.000 euros. Poderase financiar ata o 95 por cento do custo total da actuación e primaranse as iniciativas en países considerados como menos adiantados. Tamén se priorizarán os países definidos no Plan Director de Cooperación Galega 2006-2009.
A convocatoria sairá publicada no Diario Oficial de Galicia e, a partir do día seguinte, ábrese o prazo para a presentación de candidaturas, que finaliza un mes despois. As ONGD solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e non ter recibido subvencións anteriormente en materia de cooperación ao desenvolvemento. Cada solicitante só poderá presentar un máximo de dous proxectos.
A iniciativa é un primeiro paso para incrementar a capacidade e experiencia na xestión de proxectos no exterior das ONGD, co obxectivo ineludible de loitar contra a pobreza e as desigualdades nos países do sur, permitindo a estas organizacións executar proxectos de pequena envergadura.
Galicia asume así como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza, así como propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e a repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.