Noticias de Cooperación Gallega
15/05/2009
Xeral

Cooperación galega concede máis de 500.000 euros a ONGD para actividades de fortalecemento e de sensibilización en Galicia

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea notifica a adxudicación de 587.858 euros a 26 ONGD con domicilio social ou delegación permanente en Galicia para o desenvolvemento de actividades de fortalecemento e de sensibilización na Comunidade Autónoma Galega. Deste xeito resólvense o capítulo segundo e terceiro da convocatoria do 30 de decembro do 2008 sobre axudas a ONGD e outros axentes da cooperación con cargo ao ano 2009.

En total foron aprobados 33 proxectos, dos cales 19 son para actividades formativas e de sensibilización, e 14 para accións de consolidación e fortalecemento das ONGD.

A adxudicación correspondente a proxectos de sensibilización, capítulo segundo da resolución, foi de 305.278,00 euros. Para proxectos de consolidación e fortalecemento, capítulo terceiro da convocatoria, concedéronse 282.580,00 euros.

As accións de sensibilización centraranse na necesidade de combater entre todos a fame, a desigualdade, abordarán a crise alimentaria e o consumo responsable, a interculturalidade, e o desenvolvemento dunha sociedade sustentable, entre outras actividades.

En relación ás iniciativas de fortalecemento, os proxectos están encamiñados a consolidar delegacións en Galicia, a potenciar redes, mellorar áreas das ONGD como a de comunicación e voluntariado, e a de paz, ademais de facer fincapé na planificación e a xestión das entidades.

O I Plan Director 2006-2009 destaca como o seu primeiro obxectivo estratéxico a formación e a sensibilización da poboación. Para rematar coa pobreza é fundamental a implicación de todos os cidadáns, que coñezan as causas das desigualdades, o porqué da cooperación, e a potenciación dunha conciencia solidaria.

O segundo obxectivo estratéxico da cooperación galega é o fortalecemento de todos os actores do sistema galego e o traballo conxunto. Consolidar os axentes da cooperación asegura o éxito das súas accións e o avance cara aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Todos os proxectos se van realizar, como se fixa na convocatoria, na Comunidade Autónoma Galega. A maioría deles son de carácter bianual. A cooperación galega quere chegar á maior parte posible da poboación para unir esforzos na loita contra a pobreza e alcanzar obxectivos.