A Xunta destina 3 millóns de euros para a execución de programas de cooperación ao desenvolvemento no exterior
O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza de onte unha orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD). Ademais, esta orde tamén convoca as axudas correspondentes ao período 2009 - 2012, ás que se lles outorga un importe de 3 millóns de euros.
En resposta a unha demanda efectiva do sector da Cooperación en Galicia, nesta nova etapa, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, reafírmase no compromiso adquirido no I Plan Director da Cooperación Galega 2006 - 2009 e asume como propia a responsabilidade de cooperación con outros países para propiciar o seu desenvolvemento. Neste sentido, a convocatoria define claramente as zonas xeográficas e os sectores de actuación, de acorde co I Plan Director e os Planos de Actuación por País (PAP). As zonas definidas son América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador), Caribe (Cuba, Haití e República Dominicana), América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú), África (Angola, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal), os campamentos saharauís e calquera outro país dos menos adiantados (PMA).
A valoración das solicitudes destas subvencións comprenderá a análise da entidade solicitante, da proposta de programa e da contraparte ou socio local e estará a cargo dunha comisión avaliadora formada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (presidente) e tres funcionarios deste departamento (un como secretario e os outros dous como vogais). As solicitudes para estas axudas poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) e só poderá haber unha proposta de programa por entidade solicitante. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do programa, non sendo en ningún caso a subvención concedida inferior aos 300.000 euros e superior a 1.000.000 de euros.
Os programas son unha ferramenta de longo percorrido que contribúen á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento, contribuíndo dun xeito efectivo á loita contra a pobreza mediante a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural sostible.