Noticias de Cooperación Gallega
19/06/2009
Xeral

Mañá celébrase o Día Mundial do Refuxiado

A finais do ano 2000 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu que o día 20 de xuño, día en que se conmemoraba o Día do Refuxiado Africano, sería o Día Mundial dos Refuxiados.

De acordo co Estatuto da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) enténdese por refuxiado toda persoa que, a raíz dun temor ben fundado de persecución por motivos de raza, relixión, nacionalidade ou opinión política, se encontra fóra do país da súa nacionalidade e non pode acollerse á protección dese país ou, a causa dese temor, non desexa facelo. Na actualidade hai ao redor de 42 millóns de refuxiados e desprazados internos.

En torno ó 80% dos refuxiados no mundo reside en países en vías de desenvolvemento, ao igual que a ampla maioría dos desprazados internos. As rexións empobrecidas dificilmente contan cos medios suficientes para facer fronte ás necesidades dos refuxiados e desprazados, polo tanto requiren da cooperación dos países máis ricos nun exercicio de mutua responsabilidade para dar resposta a este serio problema mundial.

Este ano o lema elixido para conmemorar o Día Mundial do Refuxiado foi: "Xente real, necesidades reais". Estas persoas, refuxiados ou desprazados internos, necesitan acubillo, alimentos, atención médica, auga e saneamento, seguridade, escolas, e outros insumos de primeira necesidade entrementres non se resolve a súa situación. O ACNUR informa de carencias alarmantes na satisfacción de necesidades básicas entre este colectivo.