Serie países prioritarios da Cooperación Galega. África: Angola
Angola é un país localizado na parte suroeste de África que limita con Namibia, a República Democrática do Congo, Zambia e o Océano Atlántico. A rexión de Cabinda, localizada no extremo norte do país, está separada xeograficamente do resto do país. A superficie total de Angola é de 1.246.700 km² e conta con 1.600 km de costa.
A poboación total do país é de pouco mais de 17 millóns de habitantes (estimacións 2007), sendo que o 62,8% vive na zona rural, e o 37,2% na zona urbana . A súa poboación é maioritariamente nova (preto do 44% ten menos de quince anos). A zona metropolitana da capital, Luanda, ten preto de 4 millóns de habitantes, o que corresponde ó 23,5% da poboación total.
A lingua oficial é o portugués, mais fálanse outros idiomas: umbundu, kimbundu, kikongo, twockwé, mbunda, kwanyama. En relación aos credos relixiosos, o 47% da poboación é animista, o 38% son católicos e o 15% protestantes.
Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), Angola é un país de desenvolvemento baixo, cun Índice de Desenvolvemento Humano de 0,446, ocupando o posto 162 dun total de 177 países (2007-2008). A súa taxa de analfabetismo é do 40%.
Historia recente e actualidade
A orixe do seu nome vén probablemente do dialecto bantú "Ngola", nome do rei do Congo que conquistou a rexión, incorporándoa ao reino, segundo rexístrase en documentos portugueses do século XVI.
Para os occidentais, o país tornouse coñecido a partir da segunda viaxe do navegante portugués Diogo Cao, en 1485. Con todo, a presenza portuguesa non foi significativa, excepto a partir de mediados do século XVI, cando Paulo Días de Novais, en expedición ao lugar, suxeriu que a Coroa portuguesa controlase aquel territorio. En 1574 creouse, entón, a Capitanía de Angola, e dous anos despois fundouse a vila de Luanda, exactamente onde se deu o primeiro desembarque. Alí creouse un punto de comercio de escravos con Brasil, facéndose dependente dos intereses comerciais da economía escrava brasileira.
Durante os séculos XVII, XVIII e XIX, Angola permaneceu na condición de colonia, baixo dominio portugués. A partir da segunda metade do século XX, no ano 1951, Angola pasou a denominarse "provincia ultramarina", por determinación das Nacións Unidas. A partir de entón inícianse movementos a fin de tornar ó país independente, especialmente a partir de 1956, cando xorde o Movemento Popular pola Liberación de Angola (MPLA). Máis tarde xorde a Unión Nacional pola Independencia Total de Angola (UNITA) e o Fronte Nacional pola Liberación de Angola (FNLA). Empeza a loita armada pola independencia, fronte á resistencia das forzas militares portuguesas.
Trala Revolución dos Caraveis, o 25 de abril de 1974, que determinou o fin do réxime salazarista en Portugal, as provincias ultramarinas foron pouco a pouco independizándose. A independencia de Angola tivo lugar o 11 de novembro de 1975. Os tres grupos que loitaban contra o dominio portugués iniciaron entón un conflito, cada cal recibindo apoio doutros países, comezando a guerra civil no país, que só foi interrompida co Acordo de Bicesse, asinado en 1991. Posteriormente celébranse eleccións con vitoria do MPLA, pero a UNITA non recoñeceu o resultado. Con iso, reiníciase a loita fratricida, interrompéndose unha vez máis en 2002, coa morte de Jonás Savimbi, líder do partido UNITA.
Desde 1979, José Eduardo dos Santos, ex líder do MPLA, é o presidente de Angola. No ano 2007, Angola tivo un crecemento do PIB dun 21,1%, o maior de todos os países africanos. A pesar da renda xerada polo petróleo que permitiu o aumento dos gastos públicos, os indicadores sociais aínda son débiles. Isto é parcialmente atribuído a unha infraestrutura social inadecuada e á falta de recursos humanos cualificados. O Goberno angoleño identificou a reconstrución e a rehabilitación das infraestruturas sociais, da saúde e da educación, o fortalecemento institucional e do sector público, como sectores prioritarios para o desenvolvemento do país.
Cooperación Internacional en Angola: A achega da Cooperación Galega
A nivel europeo, o Acordo de Cotonú, asinado no ano 2000, ofrece o marco xeral das relacións entre a Unión Europea e os 79 países de África, o Caribe e o Pacífico (países ACP), entre os que se atopa Angola. Ademais, a Unión Europea dispón dun Documento Estratexia para Angola para o período 2008-2013, que define como prioridades de cooperación as áreas de gobernanza e apoio á reforma económica e institucional, desenvolvemento humano e social, desenvolvemento rural, agricultura e seguridade alimentaria.
O novo Plan Director da Cooperación Española 2009-2012, define a Angola como un país de Asociación focalizada (Grupo B), onde están clasificados países con alto nivel de pobreza, na maior parte dos casos con vulnerabilidade a desastres producidos por eventos naturais, conflitos ou situacións de post conflito, así como situacións de fraxilidade. Nestes países, a Cooperación Española actuará en sectores concretos relevantes, co obxectivo de previr situacións de crise.
A nivel autonómico, o Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 recoñece a Angola como un país prioritario das súas accións.
No ano 2008, Angola foi o segundo país africano que recibiu máis apoio da cooperación galega, e o terceiro de todos os países onde esta cooperación actúa, cunha axuda total de 900.737 euros.
Programas e proxectos vixentes
Na actualidade, a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia desenvolve no país unha importante iniciativa, que é o Programa de Mellora do Acceso e Calidade Educativa no municipio de Benguela, situado a 530 quilómetros ó sur da capital. Este programa ten os seguintes obxectivos:
a) mellorar o acceso ao sistema educativo de mozos e adultos, con dimensión de xénero, a través do apoio salarial a docentes e alfabetizadores;
b) construír un módulo escolar, administrativo, e unha biblioteca;
c) equipar as aulas, fornecer materiais didácticos, desenvolver actividades de promoción da cultura e o deporte, e actividades extraescolares.
Os beneficiarios directos do programa son os 2.000 alumnos de entre 6 e 18 anos de idade que utilizan diariamente as instalacións do centro educativo Salesianos Dom Bosco. De xeito indirecto beneficiaranse preto de 20.000 persoas.
O programa ten asinado un presuposto total de 1.210.000,00 euros, e a Xunta de Galicia financia mais do 80% do programa, cunha axuda de 792.603,00 euros ao longo de 4 anos. A execución do programa está a cargo da ONGD española Mozos e Desenvolvemento (antes denominada Mozos do Terceiro Mundo) e a súa contraparte angoleña, a Asociación Salesianos de Dom Bosco.
Ademais Cooperación Galega subvenciona un proxecto de mellora do abastecemento de auga e da situación sanitaria, e de fortalecemento da xestión local da auga, na provincia de Huambo, executado por Acción contra a Fame e o seu socio local, a ONGD DW.
A Xunta de Galicia conta actualmente con dous bolseiros destinados en Angola: María Villa, na Oficina Técnica de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), e Javier Cabrera, na Oficina de Representación da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO).