Noticias de Cooperación Gallega
04/09/2009
Xeral

A Xunta de Galicia celebra o Día do Cooperante unha homenaxe aos catro cooperantes galegos falecidos nos últimos once anos

O 8 de setembro, con motivo da conmemoración do Día do Cooperante, o Goberno galego celebra un acto en homenaxe aos catro cooperantes galegos Manuel Cota Cabanillas, Enrique Aller López, Mercedes Arteche Prieto e José Ignacio Salgado Blanco, falecidos nos últimos once anos mentres realizaban o seu traballo en pro da erradicación da pobreza. O homenaxe terá lugar ás 11 horas nos xardíns de San Caetano, diante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na cidade de Santiago de Compostela.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, descubrirá unha placa cos nomes dos catro cooperantes falecidos, e pronunciará unhas palabras en agradecemento a súa contribución en pro do desenvolvemento alá onde as carencias son maiores.

Está prevista a asistencia ao acto de familiares dos catro cooperantes galegos homenaxeados, así como dunha representación dos axentes da cooperación con presenza en Galicia.

A Xunta de Galicia invita a todo aquel que o desexe a participar nesta conmemoración, mais por razóns de seguridade é necesario confirmar a asistencia antes do luns 7 de setembro. Xunto a esta información xúntase a carta de invitación ao acto, así como os datos de onde notificar a asistencia.