A Xunta de Galicia aproba o Plan Anual de Cooperación para o ano 2009
O Consello da Xunta aprobou o pasado día 3 de setembro o Plan anual da cooperación galega para o desenvolvemento 2009 que contará cun orzamento de 11,5 millóns de euros. O documento recolle as principais liñas de actuación do executivo galego en materia de cooperación ao desenvolvemento en cumprimento do I Plan director da cooperación galega 2006-2009.
O Plan caracterízase pola inclusión e consolidación de ferramentas orientadas a conseguir unha maior calidade e eficacia da cooperación, a través da mellora da coordinación institucional e dunha maior coherencia nas accións. Neste sentido, avanzarase cara unha perspectiva a medio e longo prazo e darase apoio a proxectos e programas integrais que incidan sobre as causas directas da pobreza. O obxectivo é garantir o cumprimento dos criterios da Declaración de París sobre a eficacia da axuda en canto a apropiación, aliñamento, harmonización, xestión orientada a resultados e mutua responsabilidade das accións.
A Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea, responsable das accións de cooperación ao desenvolvemento, aposta tamén pola continuidade dos programas de cooperación directa en Guatemala e República Dominicana. É así como a administración galega considera que debe implicarse directamente na mellora dos sistemas públicos básicos (educación, saúde, etc.), e naqueles espazo onde non chegan outros axentes (xestión pública, descentralización, etc.). Neste sentido, a Xunta tamén asinou varios convenios con organismos multilaterais de cooperación internacional, incrementou a colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e segue apostando pola traballo conxunto coas universidades galegas.
En relación as convocatorias públicas dirixidas a organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD) e outros axentes de cooperación, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea publicou este ano 2009 axudas a proxectos de cooperación exterior (ONGD e outros axentes), proxectos de sensibilización e fortalecemento, microproxectos e programas. Estas convocatorias públicas contan en 2009 cun orzamento de máis de 7 millóns de euros.
Por último, o Plan 2009 tamén aposta pola formación en cooperación e a educación para o desenvolvemento. Neste contexto destaca o programa de bolsas de formación de expertos en cooperación exterior, o Máster en Xestión da cooperación internacional e das ONGD da USC e o Curso de formación específica de postgrao en cooperación internacional ao desenvolvemento e xestión de ONGD da UDC