Hoxe celébrase o Día do Cooperante 2009
No ano 2006, coincidindo coa aprobación do Estatuto do Cooperante estableceuse o 8 de setembro como o Día especialmente dedicado a este colectivo, en memoria á data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas subscribiu a Declaración do Milenio no ano 2000. Nese día a comunidade internacional comprometeuse a cumprir os oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, encamiñados a reducir os niveis de pobreza mundial antes do 2015.
O Goberno galego súmase a esta iniciativa e conmemora o Día de Cooperante co propósito de visualizar o traballo deste colectivo e recoñecer a súa importante tarefa para construír un mundo máis igualitario e xusto.
Os cooperantes traballan man a man coas institucións, organizacións e a sociedade do norte e do sur en pro dun mundo máis desenvolvido e sostible. Os seus pasos sempre se encamiñan cara os países de maior vulnerabilidade, e por iso dende a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza se recoñece de xeito especial o seu labor.
Un dos principais retos na actualidade é garantir que realicen as súas actividades nas mellores condicións posibles e que se respecten os seus dereitos, tendo en conta que traballan en países empobrecidos ou en conflito, que enfrontan débiles servizos básicos, escaso desenvolvemento institucional, e en determinadas ocasión altos índices de violencia.
A maioría dos cooperantes galegos exerce os seus coñecementos en países de América Latina, pero os seus esforzos chegan cada vez máis ata o continente africano e asiático. Son os ollos e a voz das ONGD galegas no exterior, da Xunta de Galicia, e do conxunto dos axentes da cooperación para o desenvolvemento.
O Goberno galego continuará promovendo a formación de técnicos e a profesionalización do sector, consciente de que a erradicación da pobreza é unha necesidade e unha responsabilidade que implica a todos.