Noticias de Cooperación Gallega
08/09/2009
Xeral

Homenaxe aos cooperantes galegos falecidos nos últimos anos

Alberto Núñez Feijóo presidiu esta mañá un acto de homenaxe aos catro cooperantes galegos falecidos nos últimos 11 anos mentres realizaban o seu traballo en pro dos que menos teñen.

O presidente da Xunta de Galicia dedicou unhas palabras aos catro cooperantes homenaxeados: Manuel Cota Cabanillas, Henrique Aller López, Mercedes Arteche Prieto e José Ignacio Salgado Blanco, e ás súas familias, presentes no acto, agradecendo o seu traballo e a entrega do seu ben máis prezado: a vida, á construción dun mundo máis equitativo e desenvolvido. No acto Feijóo descubriu unha placa cos nomes dos catro cooperantes galegos, recordando o seu traballo nas rexións máis vulnerables.

A homenaxe celebrouse coincidindo co Día do cooperante, pero o presidente destacou que non se debe esquecer que todos os días son o día do cooperante, e a importancia de traballar para que realicen as súas accións nas mellores condición posibles, garantindo o cumprimento de todos os seus dereitos.

Feijóo destacou que o Goberno galego seguirá promovendo o fortalecemento do sector, e traballando cara a profesionalización dos cooperantes para garantir o alcance dos obxectivos marcados. A Xunta de Galicia é consciente que a cooperación é necesaria, e por iso, a pesar do difícil panorama económico nacional, aposta por seguir destinando esforzos a esta área.

En tal sentido, recordou que o goberno galego dedica 11,5 millóns de euros no Plan anual da cooperación galega para o desenvolvemento 2009 nesta materia co desexo de dar un salto cualitativo na cooperación. A intención do goberno e apostar máis por proxectos de medio-longo prazo, e non tanto por accións de curto prazo e menor dimensión.

Feixóo fixo fincapé na necesidade da complicidade e a colaboración entre o goberno e os cooperantes, destacando a importancia da boa relación entre os diferentes pobos, e o papel que neste eido xogan os cooperantes como rostro solidario das accións do goberno galego.

Ao acto asistiron familiares dos catro cooperantes falecidos, representantes institucionais e membros do terceiro sector galego, agradecendo o Goberno galego a todos eles a súa participación.