Noticias de Cooperación Gallega
11/09/2009
Xeral

Cooperación Galega concede 90.000 euros á execución de microproxectos no exterior

A Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea notifica a adxudicación de 89.204,91 euros a catro microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior executados por Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD) con sede social en Galicia. Deste xeito, resólvese a Orde do 5 de maio de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a execución de microproxectos no exterior.
As accións subvencionadas desenvolveranse en Senegal, Guinea Bissau, Cabo Verde e Perú, catro países prioritarios para a cooperación galega como establece o I Plan director da Cooperación Galega 2006-2009. As entidades beneficiarias son: Asociación Paz con Dignidad, Asociación AIDA, Fundación IEPALA e Fundación Cume para el Desarrollo de Culturas y Pueblos.
Os microproxectos subvencionados orientaranse cara a cobertura das necesidades: o acceso á auga, a promoción da formación e da inserción socio-laboral dos menores vulnerables, o empoderamento das mulleres e o fortalecemento dos axentes educativos. Estas intervencións levaranse a cabo nun prazo máximo de 11 meses e recibirán un importe non superior a 25.000 euros.
A convocatoria de microproxectos é unha ferramenta pensada para incrementar a capacidade e experiencia das ONGD na xestión de proxectos en terreo que ten o obxectivo final de reducir os índices de pobreza e desigualdade nos países do sur.