Noticias de Cooperación Gallega
11/09/2009
Xeral

A Cooperación Galega financiará este ano un proxecto para mellorar as condicións de vida dos refuxiados saharauís en Tinduf

A Cooperación Galega, a través da Axencia Humanitaria de Galicia, vai financiar este ano un proxecto dirixido a mellorar as condicións da poboación refuxiada saharauí de Tinduf, consistente no envío de material sanitario, medicamentos e leite infantil, así coma na formación do persoal sanitario local. Así o dixo esta mañá o director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E., Jesús Gamallo, durante unha xuntanza mantida co delegado saharauí para Galicia, Ahmedu Mohamed Fadel, e coa secretaria da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla.
Neste encontro analizáronse os antecedentes e actual situación das relacións de cooperación de Galicia coa poboación saharauí e avanzouse na identificación de novos cauces de colaboración para mellorar as súas condicións de vida. Así mesmo, o responsable das Relacións Exteriores da Xunta asegurou ao delegado saharauí que o novo Plan director da Cooperación Galega 2010-2013, no que xa se está a traballar, recollerá a atención que o Goberno galego vai dedicar á poboación dos campamentos saharauís.
Ahmedu Mohamed Fadel, pola súa parte, convidou ao director xeral a visitar os campamentos de refuxiados de Tinduf e así coñecer de primeira man aqueles asentamentos e a situación na que vive o pobo saharauí.