Noticias de Cooperación Gallega
14/09/2009
Xeral

A Xunta e a Secretaría de Estado de Cooperación apostan por intensificar a colaboración do Goberno galego coa Axencia Española de Cooperación para o Desenvolvemento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea do Goberno galego, Jesús Gamallo, asistiu hoxe en Madrid á clausura da Semana da Cooperación, onde aproveitou para manter un encontro coa secretaria de Estado de Cooperación, Soraya Rodríguez, coa que fixo un repaso polas actuais relacións de colaboración entre o Executivo galego e o español.
Ambos responsables acordaron no encontro intensificar a coordinación e a cooperación entre a Xunta e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), de cara á posta en marcha do novo Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013. Ademais, Soraya Rodríguez comunicoulle a Jesús Gamallo a súa intención de visitar Galicia nas próximas semanas para concretar os contidos da nova etapa da Cooperación Galega. 
Gamallo tamén puido manter un encontro coa directora do Instituto Cervantes, Carmen Caffarel, coa que analizou as relacións de colaboración existentes entre a Xunta de Galicia e o Instituto, e destacaron as frutíferas accións conxuntas levadas a cabo en materia de promoción cultural.
No acto que pechou a Semana da Cooperación, que se celebrou na sede da AECID e que foi presidido polo ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, fíxose entrega do Premio Nacional de Educación Vicente Ferrer ao I.E.S. Carlos Casares de Viana do Bolo, por un proxecto de cooperación internacional financiado pola Xunta de Galicia. A iniciativa persegue a mellora da educación da poboación das comunidades do concello boliviano de Saimapata, mediante a dotación de infraestruturas e da implantación de innovación pedagóxica e de educación técnica.
Durante a entrega de premios, á que tamén asistiu o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, tamén se premiou o traballo realizado no ámbito da educación para o desenvolvemento polo C.P.I. Virxe da Cela, do concello coruñés de Monfero.