Noticias de Cooperación Gallega
17/09/2009
Xeral

Entrevista a Javier Cabrera Cornide

 

Para comezar: Por que  decidiches presentarte á convocatoria de bolsas de formación en cooperación exterior da Xunta de Galicia?
Contempleina como unha boa posibilidade de adquirir experiencia en terreo.

Despois duns meses de experiencia en terreo, gustaríache dedicarte profesionalmente á cooperación?
Sen dúbida

Cales son as tarefas da túa bolsa?
Apoiar a representación da FAO en Angola no traballo diario de xestión dos proxectos, así como encargarme da elaboración e avaliación de proxectos determinados, asistir ás reunións da axencias das Nacións Unidas e coordinar actividades cos órganos do Goberno.

Como está a resultar a túa estancia no país?
Moi boa.

Cales son as principais dificultades coas que te atopaches?
Tempo para poder organizar as actividades e diñeiro para poder cubrir os gastos da estadía en Angola. A capital, Luanda, é unha das cidades máis caras do mundo aínda que se poda pensar outra cousa.

Que te está a achegar a túa bolsa de formación?
Experiencia e coñecemento do traballo en terreo.

Como afecta a situación política, económica, social e cultural do país as túas funcións e o teu día a día?
No que máis afecta é no trato cos organismos gobernamentais onde hai que saber presentar as cousas para que poidan ser aceitadas. Na vida persoal non afecta demasiado, non se pode pensar que se vive coma nos países enriquecidos pero non afecta demasiado.

Cales consideras que son os principais logros da Cooperación Galega neste país? Existe una visualización do feito ata agora?
Cooperación Galega debe continuar apoiando o desenvolvemento de accións de longo percorrido en Angola, tanto en tempo coma en diñeiro. Ademais Angola ten un sector pesqueiro con gran potencial, tanto en pesca continental como costeira, sendo esta unha das liñas de traballo prioritarias para Galicia, sabendo a longa experiencia que a nosa terra ten no sector.

Como cres que se podería mellorar o traballo da Cooperación Galega no país?
Coordinando esforzos con outras axencias e ONGD que teñen máis experiencia na realidade angolana, sobre todo sabendo que para conseguir impacto real en Angola hai que investir altas cantidades de diñeiro. Nese sentido os partenariados e os programas cofinanciados son unha boa alternativa, sen esquecer a colaboración e financiamento dos programas das axencias de Nacións Unidas.

Para concluír, algo que queiras comentar.
Animar a quen lea as informacións da páxina web da Cooperación Galega a que se achegue á realidade dos países empobrecidos sen prexuízos e con ganas de aprender e xuntar.