Cooperación Galega participa na World Fishing
Nestes días estase a celebrar na cidade portuaria de Vigo a World Fishing, feira líder mundial no ámbito da pesca. Durante catro días, dende o 16 ata o 19 de setembro, esta cidade será punto de encontro de importantes autoridades e responsables da pesca mundial, e no evento daranse a coñecer os últimos avances tecnolóxicos e os grandes retos do sector para o século XXI.
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea quere estar presente neste encontro dando conta das súas actuacións en materia de cooperación para o desenvolvemento no sector pesca. O Goberno galego é consciente de que, dada a súa ampla experiencia histórica e as súas potencialidades, é moito o que a Cooperación Galega pode achegar aos países en vías de desenvolvemento neste ámbito de referencia. A través desta participación expresa así mesmo o valor que lle outorga á cooperación como unha importante política da súa acción exterior.
Cooperación Galega promove accións de cooperación directa destinadas a fortalecer e consolidar o sector pesqueiro en países en vías de desenvolvemento. Unha das súas iniciativas máis destacadas neste ámbito é o Programa de Formación para a Pesca Artesanal (PROFOPAC), que a Xunta de Galicia desenvolve nos sete países de Centroamérica. Esta acción execútase a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en colaboración con gobernos locais e a Organización Pesqueira e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA).
O PROFOPAC ten como principal obxectivo elevar os niveis de formación do sector pesqueiro artesanal centroamericano. As principais liñas de actuación son o reforzo e a coordinación institucional, a formación de formadores e a capacitación das comunidades pesqueiras artesanais. A pesca e a acuicultura constitúen para unha grande parte da poboación centroamericana a súa principal fonte de subsistencia, de aí a relevancia do seu desenvolvemento. O sector é unha importante fonte xeradora de traballo.
Ademais, a través de diferentes convocatorias públicas, Cooperación Galega subvenciona programas e proxectos de desenvolvemento executados por actores da cooperación con presenza en Galicia en coordinación cos seus socios locais nos países do Sur, do mesmo xeito encamiñados ao fortalecemento do sector como medio para a mellora do nivel de vida dos beneficiarios da axuda.