Conmemórase o Día Internacional da Paz
No 2001 a ONU acordou que o 21 de setembro se celebrase o Día Internacional da Paz, sendo observado como un día de cesamento do fogo e de non violencia a nivel mundial.
Este ano, o secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon, propuxo centrar a atención no desarme nuclear e a non proliferación. Con tal motivo, o 13 de xuño do 2009 lanzou unha campaña co lema " Debemos desarmarnos", que culminará despois de 100 días de celebración o 21 de setembro.
A guerra e a violencia nacen na mente dos homes, polo que para avanzar na construción de paz é fundamental traballar en actividades educativas e na promoción dunha cultura de paz. As guerras deixan secuelas moi graves en quen as vive, e no ámbito onde acontecen, de aí a urxencia dun empoderamento pacifista.
A violencia non fai referencia unicamente ao recurso ás armas para a resolución de conflitos, senón tamén á desigualdade, ao non respecto aos dereitos humanos e á violencia estrutural do sistema. Nos países desenvolvidos a paz é unha realidade común, coñecida, pero en moitas rexións esta é un soño a alcanzar.
Por tal motivo, a Dirección Xeral de Relaciones Exteriores e coa Unión Europea, seguirá apoiando e promovendo a sensibilización da sociedade galega, dando conta da situación de vulnerabilidade en que viven millóns de persoas no mundo, da importancia da boa convivencia entre os pobos, o respecto aos dereitos humanos e a non violencia como medio para resolver disputas.
Así mesmo, mediante o desenvolvemento de programas e proxectos nos países empobrecidos continuará co seu apoio á redución das carencias mundiais e á construción da paz.