Noticias de Cooperación Gallega
05/10/2009
Xeral

Entrevista a Guzmán García Rodríguez

Para comezar: Por que decidiches presentarte á convocatoria de bolsas de formación en cooperación exterior da Xunta de Galicia?
O tema da cooperación para o desenvolvemento interesábame dende había moito tempo e isto presentouse como a oportunidade ideal da miña vida para introducirme profesionalmente no sector.

Despois duns meses de experiencia en terreo, gustaríache dedicarte profesionalmente á cooperación?
Aínda me queda moito por aprender respecto á cooperación e non sei se preferiría traballar fixo en España ou andar trocando de países polo mundo, pero sen dúbida gustaríame dedicar a miña vida profesional a este sector.

Cales son as tarefas da túa bolsa?
Basicamente supervisar e apoiar o desenvolvemento dos proxectos financiados pola Cooperación Galega en Bolivia.

Como está a resultar a túa estancia no país?
Tremendamente enriquecedora, porque como licenciado en Ciencias Políticas pola rama de Estudos Internacionais é un privilexio asistir como testemuña de primeira man ao intenso proceso de cambio político que está a vivir este país.

Cales son as principais dificultades coas que te encontraches?
O tema da altitude (a cidade da Paz está a algo máis de 3.600 metros de altitude) sempre complica un pouco a existencia aos estranxeiros, pero cun par de infusións cada día da tradicional folla de coca lévase ben. Ademais, eu dende o primeiro fin de semana dediqueime a xogar ao fútbol para ir facendo amigos. 

Que é o que che está a achegar a túa bolsa de formación?
Poder coñecer dende dentro o funcionamento das políticas públicas no eido da cooperación para o desenvolvemento. Non soamente a cooperación galega, senón tamén a internacional en xeral e a centralizada española e doutras rexións que contan con representantes nesta OTC (Oficina Técnica de Cooperación) da AECID.

Como afecta a situación política, económica, social e cultural do país ás túas funcións e ao teu día a día?
Pois, malia as tensións xeradas, fai a vida e o traballo máis interesante e, en xeral, enriquéceo todo moitísimo porque é un país aínda en plena convulsión política (dende que no ano 2000 a “Guerra da auga" iniciase o actual ciclo político de protestas). Ademais, dende a miña chegada en abril xa se sentía un certamente tenso clima de precampaña política de cara ás vindeiras eleccións xerais do 6 de decembro.

Cales consideras que son os principais logros da cooperación galega neste país? Existe una visualización do feito ata agora?
Pois conseguiu, por exemplo, aumentar a calidade de vida de numerosas comunidades rurais de Bolivia, moitas das cales non tiñan nese momento unha presenza notable do estado. Refírome principalmente á construción de infraestruturas básicas de educación e sanidade. Hai que destacar que Bolivia é un dos principais receptores de axuda da Cooperación Galega, con máis de 5 millóns de euros recibidos nos últimos 10 anos.

Como crees que se podería mellorar o traballo da cooperación galega no país?
Por unha banda, entendo que para aproveitar ao máximo o potencial desta bolsa e polo tanto do traballo realizado polos bolseiros (no estranxeiro) sería moi interesante engadir uns tres meses de prácticas no terreo nunha ONGD galega presente no país. Por exemplo, isto podería ser ao rematar o período da bolsa, se a través de convenios adecuados cada bolseiro puidera ficar no país traballando para una ONGD (que se encargaría da súa manutención). Ademais de maximizar o potencial desta bolsa de formación tamén permitiría ter unha transición entre bolseiros moito máis efectiva xa que podería ser cara a cara e no terreo.
E por outra banda poderíase mellorar a coordinación coa OTC no sentido de comprometerse (por parte da AECID) a incorporar formalmente o bolseiro a un dos departamentos da OTC como asistente aproveitando o seu potencial e maximizando así, tamén, o potencial deste bolsa de formación.

Para concluír, algo que queiras comentar.
Simplemente animar a todas as persoas que teñan inquedanzas nesta temática a que soliciten esta bolsa. Supón unha oportunidade fabulosa para coñecer o sector e convencerse se isto é a túa opción laboral de vida ou non.