Noticias de Cooperación Gallega
13/10/2009
Xeral

Entrevista a Filippo Bolognesi


Para empezar: Por que decidiches presentarte á convocatoria de bolsas de formación en cooperación exterior da Xunta de Galicia?

Porque me pareceu unha boa oportunidade para continuar coa miña formación e o meu traballo en cooperación, e para coñecer o funcionamento neste ámbito de institucións públicas como a Xunta de Galicia e a AECID.

Despois duns meses de experiencia en terreo, gustaríache dedicarte no futuro profesionalmente á cooperación?
Aínda non o teño claro. O que si sei é que se sigo na cooperación gustaríame ocuparme de algo diferente ao que fago agora, e ter un contacto máis próximo coa poboación local. Creo que o fin da cooperación é moi bo, o que me provoca máis dúbidas son os medios utilizados.

Cales son as tarefas obxecto da túa bolsa?
Traballo nun proxecto de acuicultura que a OTC empezou recentemente xunto ao Ministerio de Agricultura, Recursos Naturais e Desenvolvemento Rural de Haití. Traballo de xeito coordenado cos responsables do ministerio. Ata agora non me desempeñei moito no terreo, dado que o proxecto está na súa fase inicial, pero espero poder facer máis visitas nos próximos meses.
Como está a resultar a túa estadía no país onde estás destinado?
A miña estanza está a resultar ás veces difícil, sobre todo neste último período, xa que tiven que desprazarme en moitas ocasións de Port Au Prince a Jacmel. O traballo, ao non ter o proxecto outro responsable máis ca min, é complicado e fáiseme ás veces moi difícil. En Port Au Prince non é doado vivir, sobre todo porque non teño coche para moverme, e pasar semanas enteiras entre o traballo e a casa non é moi agradable. En Jacmel é un pouco distinto, aí pódome desprazar cunha maior facilidade, hai máis seguridade e o ambiente é máis agradable.

Cales son as principais dificultades coas que te encontraches?
A principal dificultade, sobre todo aquí en Port Au Prince, é a imposibilidade de moverme libremente pola cidade a pé. Sen coche é moi difícil desprazarse e a cidade é moi grande e está mal construída. Agora múdome a Jacmel, no sueste do país e alá será diferente. É unha cidade máis pequena, hai posibilidade de moverse andando ou con moto-taxi, o ambiente é máis tranquilo, está na costa, e vives en contacto directo coa poboación local.

Que é o que che está a achegar a túa bolsa de formación?
Estame a dar a oportunidade de coñecer de preto como funciona a cooperación pública e aprender os seus mecanismos, de ter contacto e ver como traballa a administración pública dun país, e sobre todo estame a dar a oportunidade de vivir nunha realidade moi particular e non sempre doada como é a de Haití.

Como afecta a situación política, económica, social e cultural do país ás túas funcións e ao teu día a día?
Traballando en coordinación cos ministerios decátaste das debilidades que enfronta o país a nivel político. Os tempos de espera son moi longos, para calquera asunto. Falta coordinación e carecen totalmente de medios (coches, ordenadores, oficinas ben equipadas, etc.). No que se refire ao nivel de seguridade a situación é bastante complicada. Hai zonas da cidade polas que está vetado pasar. Houbo días con fortes disturbios e manifestacións nos que é mellor non saír de casa. Así que iso ás veces limita os desprazamentos. No plano económico o país é moi pobre, a súa produción de bens é moi escasa, o que te obriga a comprar o material e as ferramentas necesarias para os diferentes proxectos no exterior.

Cales consideras que son os principais logros da cooperación galega nese país? Existe unha visualización do feito ata agora?
No que se refire á cooperación directa, a Xunta de Galicia fixo unha doazón no 2008 de 38 barcos como axuda de post-emerxencia. Os barcos xa chegaron á illa e resta que sexan distribuídos ás comunidades de pescadores beneficiarias do proxecto. Ademais, a Xunta subvenciona un proxecto de fortalecemento das capacidades produtivas, comerciais e organizativas das cooperativas membros da Rede de Cooperativas de Café da Rexión Norte (terceiro ano de financiamento).

Como cres que se podería mellorar o traballo da cooperación galega no país?
Creo que se debería incrementar a intervención directa no país. O ano pasado a Xunta encargou e financiou un estudo do potencial acuícola e pesqueiro do país. Identificáronse así mesmo posibles intervencións. Actualmente a AECID desenvolve dous proxectos en colaboración co goberno haitiano: un proxecto de apoio á pesca mariña no departamento do sueste e outro de apoio á acuicultura. A Xunta podería buscar unha colaboración nestes dous proxectos, xa que as actividades son moitas e hai amplas marxes de intervención.

Para concluír, algo que queiras comentar.
Haití é un país cun forte potencial de desenvolvemento e que está a recibir moitos fondos dende diferentes lugares e organizacións. Cunha boa coordinación e xestión o país podería coñecer un forte desenvolvemento nos próximos anos. Traballando nun ambiente así, con moitas organizacións internacionais, decátaste que hai maneiras de traballar moi distintas e que moitas veces falta coordinación entre os diferentes axentes internacionais e iso provoca un mal uso do diñeiro.