A firma dun Pacto Autonómico contra a Pobreza reúne a representantes das tres forzas políticas do Parlamento de Galicia
Ao longo desta semana a loita contra a pobreza cobra forza a nivel mundial, estatal e autonómico, co desenvolvemento de diferentes actividades en distintos lugares de España e outros países, a través das que se persegue aumentar a sensibilización social e política en torno a este grave problema mundial que afecta a máis de mil millóns de persoas.
A Coordinadora Galega de ONG súmase á mobilización que se celebra nestes días, coa posta en marcha da Semana Galega Pobreza Cero, na que haberá, entre outras accións, un seminario de incidencia política, charlas, cinefórum, actividades para nenos e iniciativas de sensibilización na rúa en diferentes localidades de Galicia. Hai actividades programadas ata o 17 de outubro.
Neste contexto enmárcase a xornada "Cara a un Pacto Galego contra a Pobreza", na que representantes das tres forzas políticas con presenza no Parlamento galego, PP, PSOE e BNG, do terceiro sector e doutras institucións, reflexionarán en torno á firma dun Pacto Autonómico contra a Pobreza.
O obxectivo que persegue esta iniciativa, promovida pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, é que as accións en materia de cooperación exterior galegas obedezan exclusivamente a criterios de eficacia e sexan sostidas no tempo, máis alá de cuestións políticas.
Outras comunidades autónomas, como son La Rioja, Cantabria, Baleares, Navarra e Valencia, xa subscribiron pactos autonómicos deste tipo, aos que se suman a firma de acordos provinciais e municipais. Por outra parte, o Pacto Estatal contra a Pobreza existe dende finais do ano 2007, asinado por todos os partidos políticos con presenza no Parlamento e a Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento de España.
Na inauguración da xornada contarase coa participación de Xesús Gamallo Aller, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, de Xosé María Torres, presidente da Coordinadora Galega de ONGD e de Carlos A. Fernández, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Intervirán tamén no acto un deputado de cada unha das forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia e cargos públicos doutras Comunidades Autónomas de España. A subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero, participará xunto aos representantes parlamentarios na mesa redonda titulada “É posible un Pacto Galego contra a Pobreza?".
A celebración do acto de mañá coincide coa conmemoración do Día Mundial da Alimentación, establecido en 1979; nesa mesma data fundouse a FAO en 1945.
A propósito desta data a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) informa que se teñen os coñecementos e a capacidade necesaria para facer algo con respecto á fame, polo que chama ao traballo conxunto co obxectivo de dar solución ao problema e cumprir os compromisos acordados.
Ademais, o sábado 17 celébrase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas, lembra por mor desta conmemoración que mediante investimentos baseados no sentido común co fin de cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio se poden lograr cambios profundos nos países empobrecidos, sinalando que en ámbitos nos que houbo importantes investimentos, constatáronse grandes progresos.
A Alianza Española contra a Pobreza, á que pertence a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, organiza durante toda esta semana diferentes actividades en distintos lugares de España. A erradicación da pobreza esixe vontade política e social, así como a coordinación entre os diferentes actores. O éxito dos obxectivos da cooperación depende nunha gran medida da celebración de iniciativas deste tipo, que promoven o diálogo e a concertación, así como a complementariedade das accións e o incremento da sensibilización social.