Noticias de Cooperación Gallega
22/10/2009
Xeral

Cooperación Galega subvenciona con 2.4 millóns de euros a execución de programas de desenvolvemento no exterior

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea fai pública a resolución en virtude da Orde do 28 de maio de 2009 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2009, pola cal se conceden un total de 2.451.196,72 euros a catro ONGD para a execución de iniciativas de desenvolvemento de amplo impacto no exterior.

As entidades beneficiarias da subvención foron as ONGD con presenza en Galicia Fundación Entreculturas- Fe y Alegría, Médicos del Mundo, Asociación de Ingeniería sin Fronteras-Galicia e Fundación Cume para el Desarrollo de Culturas y Pueblos.

Os programas son unha ferramenta para o desenvolvemento de accións no medio prazo, dunha duración de entre 3 e 4 anos, pensados para procesos máis longos que os proxectos polo que a súa dotación económica é maior.

A Fundación Entreculturas- Fe y Alegría xunto ao seu socio local, a Fundación Fe e Alegría Nicaragua, executarán un programa dirixido a mellorar a educación técnica de ao redor de 2.700 estudantes de cinco centros educativos de Nicaragua, con vistas á súa inserción no mercado laboral.

En Mauritania, Médicos del Mundo xunto co Ministerio de Saúde e Asuntos Sociais do país africano poñerán en marcha unha iniciativa encamiñada a garantir a accesibilidade dos servizos de saúde sexual e reprodutiva e de atención á infancia en dúas moughataas periurbanas da cidade de Nouakchott.

A ONGD Asociación de Ingeniería sin Fronteras-Galicia e os seus socios locais, a alcaldía de Marcovia e a ONG Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca, desenvolverán un programa encamiñado a xestionar de forma integral e sostible o recurso hídrico e os recursos naturais no municipio de Marcovia, en Honduras. Esta iniciativa enmárcase nun programa de intervención máis amplo que conta con diferentes financiadores, entre os que figura a AECID.
Por último, a Fundación Cume para el Desarrollo de Culturas y Pueblos xunto coa súa contraparte, a Fundación Intercultural Nor Sud, executarán un programa dirixido á redución da pobreza na mancomunidade Gran Potosí, en Bolivia, mediante accións de apoio á produción e promoción do comercio xusto.

Os programas son un instrumento de recente incorporación ás convocatorias públicas de subvencións da Cooperación Galega. A primeira vez que se convocou a esta modalidade de axuda foi no ano 2008. Estas actuacións súmanse aos programas integrais que desenvolve de xeito directo a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, co obxectivo de sumar esforzos e desenvolver iniciativas de maior calado nos países empobrecidos.