Noticias de Cooperación Gallega
27/10/2009
Xeral

Entrevista a Begoña Hermida Val

 

Para empezar: Por que decidiches presentarte á convocatoria de becas de formación en cooperación exterior da Xunta de Galicia?
Considereina como unha boa oportunidade para continuar perfeccionando a miña formación en cooperación e tamén como unha óptima opción de traballo para coñecer o funcionamento dos distintos actores de cooperación.

Despois duns meses de experiencia en terreo, gustaríache dedicarte no futuro profesionalmente á cooperación?
Estes meses están servindo para reforzar a miña intención de dedicarme profesionalmente a este eido, aínda que para o futuro máis próximo quero priorizar o traballo en terreo sobre o actual o cal está máis orientado ao traballo de oficina e institucional.
Cales son as tarefas obxecto da túa beca?
Debido a miña formación profesional, estou asignada ao sector saúde da OTC, onde participo nos procesos de traballo do mesmo, como participación nos foros e grupos de traballo entre doadores e Ministerio de Saúde de Mozambique e seguimento e apoio aos proxectos das ONGD españolas traballando na área de saúde nas provincias prioritarias da cooperación española. Outro obxectivo da miña estancia aquí é o seguimento e apoio ás intervencións financiados pola Cooperación Galega en Mozambique.

Como está resultando a túa estancia no país onde estás destinada?
A miña estancia en Mozambique está resultando moi positiva e enriquecedora tanto a nivel profesional como persoal. A nivel profesional porque é un privilexio poder estar inmersa nos procedementos de traballo do sector saúde de cooperación en Mozambique o cal é un país modelo en canto a instrumentos de cooperación e recepción de axuda externa.

Cales son as principais dificultades que atopaches?
A verdade é que teño que recoñecer que non estou tendo grandes dificultades no país. En xeral Mozambique é un país moi tranquilo e Maputo unha cidade onde é fácil vivir. Por dicir algunha dificultade, podería referir o mal estado das estradas e diferentes vías de comunicación o que, obviamente, inflúe negativamente nos desprazamentos tan necesarios no plano laboral como persoal.
Que é o que che achega a túa beca de formación?
Estame permitindo ampliar os meus coñecementos en instrumentos e políticas de cooperación dos diferentes actores tanto públicos como privados, españois ou internacionais. Tamén me está proporcionando a oportunidade de vivir e traballar durante un período longo por primeira vez nun país do Sur o que supón unha aprendizaxe diaria non só académica senón tamén da vida en xeral.

Como afecta a situación política, económica, social e cultural do país ás túas función e ao teu día a día?
Mozambique está neste momento en plena campaña electoral. O próximo 28 de outubro celebraranse eleccións presidenciais e parlamentarias, así como provinciais. Neste acontecemento están postos os ollos de toda a comunidade internacional para que sirvan como a consolidación do proceso democrático en Mozambique, que é un país caracterizado pola estabilidade política e social dende o fin da Guerra Civil no ano 1992.
Todo este proceso de campaña electoral e eleccións próximas afecta en tarefas do traballo diario de forma que hai que atrasar ou adiantar a realización de actividades, etc. O país “paralízase" co proceso electoral, polo que hai que ser conscientes de que o traballo discorre a outra velocidade.
Cales consideras que son os principais logros da cooperación galega no país? Existe unha visualización do feito ata agora?
Das principais intervencións do Goberno galego en Mozambique, hai que destacar o apoio financeiro á construción e posta en marcha de infraestruturas de educación e sanidade mediante o apoio financeiro a organizacións non gobernamentais e algún proxecto bilateral. Así como capacitacións, formacións en diversos campos, principalmente en pesca, turismo e fortalecemento das capacidades técnicas de persoal sanitario. Hai que destacar que Mozambique ven sendo un dos principais receptores de axuda de Cooperación Galega, pero aínda falta moito para que os fondos que a nosa comunidade destina a este país (en xeral a todos os países prioritarios) sexan equiparables aos doutras comunidades autónomas, como por exemplo Cataluña.
Citar que actualmente estase a proceder á continuación dunha identificación para un programa de auga e saneamento, iniciada no pasado ano pola Xunta de Galicia na provincia de Cabo Delgado. En novembro incorporarase unha técnica expatriada que supervisará e coordinará todo este proceso de identificación.
Como cres que se podería mellorar o traballo da cooperación galega no país?
Hai que ter moi presente que para mellorar o traballo da cooperación galega no país, hai que aumentar os fondos destinados aos programas no país e coordinar esforzos con outras axencias e ONGD que teñan máis experiencia na realidade dos países do Sur, especialmente africanos. Tamén se deberían de aumentar as intervencións directas, bilaterais e dar continuidade a accións comezadas para asegurar a sustentabilidade das mesmas e o impacto previsto na poboación beneficiaria.

Para concluír, algo que queiras comentar
Gustaríame acabar dicindo a todas aquelas persoas que estean interesadas nesta opción laboral que esta bolsa permite ampliar os coñecementos e a experiencia neste eido mediante a introdución na metodoloxía e instrumentos de traballo no ámbito da cooperación. Polo que animo a todos os que estean pensando en presentarse á convocatoria, que non o dubiden nin o máis mínimo.