Noticias de Cooperación Gallega
28/10/2009
Xeral

Constitución da Conferencia Sectorial de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe en Madrid, en representación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á sesión constitutiva da Conferencia Sectorial de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Na reunión, que estivo presidida polo ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Miguel Ángel Moratinos, e que contou coa presenza do vicepresidente terceiro e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, estiveron representadas todas as comunidades autónomas así como a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Esta conferencia configúrase como un foro de encontro que permitirá instrumentar, como órgano de cooperación, a necesaria coordinación que debe haber entre a Administración Xeral do Estado, a Administración das Comunidades Autónomas e a Administración Local, en virtude do principio de cooperación interadministrativa que debe imperar nun Estado politicamente descentralizado. Está constituída polo ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, polos 17 conselleiros autonómicos responsables do ámbito de cooperación ao desenvolvemento e por tres representantes da FEMP.

Os asistentes á reunión asinaron o Acordo Institucional Constitutivo da citada Conferencia Sectorial de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento no que se regula o seu obxecto, a súa composición e as súas funcións, e no que se prevé a creación dun órgano de segundo nivel, unha Comisión Sectorial Permanente de Cooperación para o Desenvolvemento, na que estarán representadas as CC.AA. a nivel de directores xerais responsables en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Jesús Gamallo, na súa intervención na sesión constitutiva, congratulouse pola creación desta nova conferencia sectorial por considerala un instrumento útil para contribuír a acadar unha maior eficiencia e eficacia da cooperación española.

Destacou que no actual momento de crise económica que estamos a atravesar é necesario poñer o acento na eficiencia da axuda, apostando por unha maior calidade e impacto dos recursos que dende as diferentes administracións se destinen á cooperación ao desenvolvemento.

Gamallo solicitoulle ao ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación que se reúna pronto a Comisión Sectorial Permanente para concretar temas de fondo e establecer un plan de traballo para os próximos meses.