Noticias de Cooperación Gallega
09/11/2009
Xeral

Entrevista a Raquel Álvarez García

 

Para comezar: Por que decidiches presentarte á convocatoria de bolsas de formación en cooperación exterior da Xunta de Galicia?
Descubrín a convocatoria mentres estaba a rematar os meus estudos en Perú. Aquí realicei o meu primeiro achegamento a proxectos de cooperación, xa que fixen as miñas prácticas de educación social nunha ONG peruana. A bolsa pareceume unha boa oportunidade para coñecer outra cara da cooperación, neste caso, a xestión que realizan as institucións públicas.

Despois duns meses de experiencia en terreo, gustaríache dedicarte profesionalmente á cooperación?
É unha opción que non descarto. Porén, se me dedicara á cooperación de xeito profesional, gustaríame desempeñar un traballo con moita máis presenza no terreo.

Cales son as tarefas da túa bolsa?
Realizo os seguimentos dos proxectos financiados por Cooperación Galega no Perú. Esta tarefa permíteme coñecer diferentes realidades e xeitos de abordar o proceso de desenvolvemento. A súa vez, apoio o traballo do responsable da Área de Necesidades Sociais na oficina da AECID en Lima.

Como está a resultar a túa estancia no país?
Está a ser unha experiencia moi enriquecedora. Perú é un país incriblemente diverso, onde os movementos sociais están a ter cada vez máis presenza no eido político, a pesar do neoliberalismo extremo que promove o estado. As persoas están a tomar conciencia da súa condición de cidadáns, cidadáns dun país multicultural, que precisa contemplar nas súas políticas as diferentes características e necesidades da súa poboación.

Cales son as principais dificultades coas que te atopaches?
Non teño unha ampla formación en cooperación, polo que tiven que enfrontarme á inseguridade que me producía desenvolver soa o meu traballo. Debo agradecer a Lorena Peillet, asistencia técnica da dirección xeral en Perú ata xullo, todo o seu apoio. Tiven a oportunidade de colaborar no seu traballo de identificación e formulación dun programa de desenvolvemento integral na rexión de Amazonas, proceso moi interesante, no que aprendín moitísimo, tanto acerca de aspectos metodolóxicos, como da realidade do pobo awajún.
Que te está a achegar a túa bolsa de formación?
A experiencia de vivir noutro país, de coñecer outras culturas, de empaparte doutras visións, de compartir… enriquece o teu pensamento. Considero que o contacto coa realidade cotiá doutras persoas desencadea certas reflexións críticas que son a base da acción posterior.
A nivel profesional estame axudando a definir a traxectoria laboral que me gustaría seguir.
Como afecta a situación política, económica, social e cultural do país as túas funcións e o teu día a día?
A desigualdade “normalizada" impáctame moito. Os roles sociais están moi marcados xa que dependendo da túa procedencia tés un nivel de vida ou outro. Actualmente comeza a desenvolverse un proceso de revalorización da propia identidade cultural, especialmente na selva, promovido por diversas organizacións sociais. Nese senso pódense atopar diferentes manifestacións culturais, aínda que seguen primando as tendencias occidentais.

Cales consideras que son os principais logros da Cooperación Galega neste país? Existe una visualización do feito ata agora?
Cooperación Galega ten unha importante presenza na zona norte do país. Un dos principais logros é a posta en marcha dun programa xunto coa Asociación Chira na subconca do río Chipillico, en Piura, que complementa a intervención da AECID na conca binacional do Catamayo-Chira.
É importante que Cooperación Galega tente dar un pasiño mais alá nos proxectos de desenvolvemento no Perú, dándolle un pulo a ámbitos como gobernabilidade e fortalecemento institucional, dado que o país se atopa en pleno proceso de descentralización.

Como cres que se podería mellorar o traballo da cooperación galega no país?
Perú é un dos países que máis financiamento recibe de Cooperación Galega. Considero que a presenza dun técnico podería ser moi positiva. A persoa de referencia que teñen as distintas entidades son os bolseiros, que mudan cada ano. A transmisión da información as veces é complicada, polo que a presenza permanente dunha persoa podería facilitar a coordinación cos diferentes actores e facer máis visible a presenza de Cooperación Galega no país.

Para concluír, algo que queiras comentar.
Gustaríame destacar a importancia de que as accións desenvolvidas nos países receptores da axuda deben ter o seu contrapunto con accións de educación en Galicia. A convocatoria de sensibilización é unha boa ferramenta para o coñecemento das diferentes realidades e a promoción dun pensamento crítico e un comportamento responsable.