O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero Rodríguez, realizan unha viaxe institucional á República Dominicana, Guatemala e O Salvador
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero Rodríguez, realizan desde hoxe unha viaxe institucional á República Dominicana, Guatemala e O Salvador, para visitar distintos proxectos financiados por Cooperación Galega e manter contactos coas autoridades públicas locais.
O director xeral comprobará sobre o terreo os avances na execución de dúas iniciativas de desenvolvemento integral (IDI) promovidas por Cooperación Galega.
As IDI simbolizan o interese por sumar esforzos entre os diferentes actores implicados no desenvolvemento internacional e focalizar e mellorar o impacto das accións, tal e como se establece no Plan anual da cooperación galega 2009.
O programa integral que se desenvolve en Guatemala busca contribuír ao desenvolvemento da poboación de 18 asentamentos humanos dos municipios de Champerico e Retalhuleu, mellorando a infraestrutura de habitabilidade básica, a cobertura sanitaria, a calidade educativa, a soberanía alimentaria e o desenvolvemento produtivo.
Na República Dominicana a actuación abrangue o barrio de Sta. Lucía-La Mosca, en Santiago de los Caballeros, e o vertedoiro anexo ao mesmo. Este barrio marxinal padece serios problemas medio ambientais e de saúde da súa poboación e con esta iniciativa búscase restablecer nun mediano prazo esta zona como un asentamento urbano cunha óptima calidade de vida.
Ademais das visitas a estes dous programas, o director xeral coñecerá de primeira man outros proxectos de desenvolvemento financiados pola cooperación galega, tanto en Guatemala como na República Dominicana e o Salvador.